Skip to main content
  • A estrea en Galicia de Hay alguien en el bosque, a obra de teatro documento con Ariadna Gil sobre as violacións a milleiros de nenas e mulleres durante a Guerra de Bosnia, acompañarase da proxección gratuíta do filme homónimo mañá mércores 25, ás 20.00 horas, no Pazo da Cultura

  • O Programa de sala acolle este venres 27 a función de El mar. Visión de unos niños que no lo han visto nunca, de Xavier Bobés e Alberto Conejero, o espectáculo sobre a historia de Antoni Benaiges, mestre fusilado no 1936, e que foi finalista á mellor dirección de escena nos Max 2023

  • O OTNI despídese do público fioteiro coa presentación do ‘work in progress’ este xoves 26 de Las bailarinas no tocan el cielo: las que bailan, de Clara Pampyn, e coa estrea en Galicia o sábado 28 de outubro de El testamento, de Zum-Zum Teatre, Premio FETÉN 2023 á mellor dirección

  • Jean Philippe Kikolas regresa a Carballo co seu novo traballo, Duelo, proposta de circo contemporáneo que se poderá ver na Praza do Concello tanto o venres 27 coma o sábado 28 ás 19.00 horas

  • O Certame Micro-Escenas Metro Cadrado tamén di adeus este sábado con outras dúas estreas absolutas: O mundo derrúbase e nós tomamos chocolate, de Compañía Accidental, e Canta nai, canta, de Cía iO

  • O intérprete e ximnasta Víctor Ortiz ‘Wilbur’ pechará este sábado 28 a Rúa dos Contos coa estrea galegado seu espectáculo Piensa en Wilbur, ateigado de humor, risco e acrobacias imposibles

O 32º Festival Internacional Outono de Teatro de Carballo afronta unha nova semana de programación repleta de traxedia e drama, ademais da despedida de ciclos como OTNI, Rúa dos Contos, Teatro de Rúa ou mesmo do Certame Micro-Escenas Metro Cadrado. Nunha semana na que destaca a presenza de dous pratos fortes desta edición, como son Ariadna Gil e Xavier Bobés, o festival pon o foco sobre a intransixencia como a orixe da xeración do conflito. As violacións de milleiros de nenas e mulleres na Guerra de Bosnia ou fusilamento de mestres na Guerra Civil española son as temáticas que se abordarán esta fin de semana no Programa de sala, a través da estrea en Galicia de Hay alguien en el bosque e da representación de El mar. Visión de unos niños que no lo han visto nunca.

O Pazo da Cultura de Carballo acolle na xornada deste martes, 24 de outubro, as xornadas profesionais de Escena Galega, a asociación de produtoras teatrais do país; mais a semana dramática, como tal, comezará este mércores 25, a partir das 11.00 horas, coa representación de Puños de Harina, de El Aedo Teatro, unha función enmarcada no ciclo FIOTeen para público adolescente e á que asistirá o alumnado dos IES Alfredo Brañas, Isidro Parga Pondal e Monte Neme. O espectáculo, unha reflexión sobre o racismo, a homofobia, a violencia e a masculinidade, narra, por unha banda, a historia real de Rukeli, un boxeador alemán e xitano que desafiou ao propio Hitler na Alemaña nazi. Pola outra, conta a historia de Saúl, xitano homosexual que, na España rural dos 80, busca a súa identidade á vez que intenta sobrevivir no seo dunha familia e contorna tradicional. Ao finalizar celebrarase un encontro co público.

Xa pola tarde, contra ás 20.00 horas, terá lugar a proxección do filme documental Hay alguien en el bosque, de Teresa Turiera-Puigbò, e que forma parte do proxecto multidisciplinar homónimo, cuxa obra de teatro poderase ver en Carballo o domingo 29. A película recolle a testemuña de mulleres vítimas de violacións durante a guerra de Bosnia e Herzegovina, así como das fillas e fillos xurdidos a raíz das mesmas. Ao finalizar a proxección, cuxo acceso no Pazo da Cultura será libre, celebrarase un coloquio mediante videoconferencia co equipo de Cultura i Conflicte.

Este encontro será o preámbulo da función do domingo 29 no Programa de sala que suporá a estrea en Galicia do espectáculo de teatro documental Hay alguien en el bosque, que parte do libro da escritora croata S. Drakulic para visualizar a traxedia e por o foco na memoria dos milleiros de nenas e mulleres que foron violadas, como estratexia de limpeza étnica a principios dos anos 90 durante a guerra de Bosnia e Herzegovina. Ariadna Gil é unha das sete intérpretes que estarán en escena nesta peza, cuxa dramaturxia é de Anna Maria Ricart Codina e que dirixe Joan Arqué Solà.

Dous días antes, o venres 27, terá lugar a representación, tamén no marco do Programa de sala, doutro dos pratos fortes deste #FIOT32: El mar. Visión de unos niños que no lo han visto nunca, o espectáculo escrito e dirixido a catro mans polo destacado dramaturgo Alberto Conejero e do creador escénico e intérprete Xavier Bobés, referente do teatro de obxectos en España. A peza reconstrúe a historia de Antoni Benaiges, mestre catalán fusilado o 25 de xullo de 1936, a partir de textos do propio profesor, da escola na que impartiu aulas e de Marina Garcés. O espectáculo, finalista nos Premios Max 2023 á mellor dirección de escena, presenta a chegada de Benaiges en 1934 a unha escola burgalesa do rural. A raíz do uso dun gramófono e dunha rudimentaria imprenta, El mar dá conta do poder transformador da educación.

O OTNI despídese con Zum-Zum Teatre e Clara Pampyn

O ciclo de máis innovador e alternativo do FIOT, o OTNI (Obxecto Teatral Non Identificado) propón dúas últimas funcións no marco desta edición do festival. A primeira delas chegará este xoves, 26 de outubro, coa presentación do work in progress de Las bailarinas no tocan el cielo: las que bailan, un traballo de investigación e mediación de Clara Pampyn no que rende homenaxe ás intérpretes de danza, observando, cuestionando e poñendo en valor as posicións que as bailarinas ocupan nos marcos de traballo contemporáneos. A artista, que realizou unha residencia o pasado mes de xullo no Pazo da Cultura, chega ao FIOT da man do programa Paraíso 2023 de residencias artísticas para a danza e as artes vivas impulsado polo Colectivo RPM co apoio da Xunta de Galicia a través da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) da Xunta de Galicia e coa colaboración da Concellería de Cultura do Concello de Carballo.

Dous días despois, o sábado 28, a partir das 20.30 horas, o Salón de actos do Pazo da Cultura acollerá a estrea en Galicia da nova creación da compañía catalá Zum-Zum Teatre, nomeada El Testamento, coa que acadou o Premio FETÉN 2023 á mellor dirección. Un traballo exquisito e premiado, para público a partir de 14 anos, que despertará a imaxinación e a emoción do público a partir da apertura dun singular testamento en vida e vital. Xoguetes, retratos e outros obxectos que xorden dun moble, guiados con humor e ironía por Ramón Molins, crearán un momento único para as e os asistentes ao #FIOT32.

Jean Philippe Kikolas regresa ao FIOT

Entre as propostas desta fin de semana destaca o regreso ao FIOT de Carballo do pallaso, artista de circo e creador escénico Quique Méndez, coñecido como Jean Philippe Kikolas. O artista presentará por vez primeira en Galicia Duelo, o seu novo espectáculo, unha proposta de circo contemporáneo e teatro físico e xestual, no que tamén emprega técnicas do circo clásico. Un espectáculo ateigado de humor negro sobre a perda e a aceptación da vida, no que a fantasía circense dialoga cos límites humanos e a fugacidade da vida para reconciliarse con ela. O espectáculo, apto para público a partir de 10 anos, representarase o venres 27 e o sábado 28 na Praza do Concello desde as 19.00 horas. Con Duelo, de Kikolas, o FIOT botará o pano da programación de Teatro de Rúa até o ano que vén.

Últimas estreas absolutas do Metro Cadrado

Este sábado 28 tamén terá lugar a despedida do VII Certame de Micro-Escenas Metro Cadrado, que afronta a súa terceira e derradeira fin de semana. O espazo para o microteatro no #FIOT32 ofrecerá outras dúas estreas absolutas noutras tantas localizacións pouco habituais para as representacións escénicas: esta semana, a acción decorrerá nunha habitación dunha pensión e nunha tenda de chocolate.

Así, nunha das habitacións da Pensión Rama, a Cía iO presentará Canta nai, canta, unha proposta na que a través das novas linguaxes e das artes do movemento, presentará ao público unha atmósfera marcada pola quietude e a danza. Pola súa banda, a Compañía Accidental presentará O mundo derrúbase e nós tomamos chocolate, na tenda Chocolates Mariño, unha peza que, a pesares das desgrazas, guerras e pandemias, quere festexar a vida arredor do sabor e aroma do chocolate. Ambos espectáculos, cuxo acceso será gratuíto previa reserva de praza a través do correo electrónico fiot.microteatroentrada@gmail.com, contarán con catro pases no día: ás 12h, ás 13h, ás 18h e ás 19h.

Piensa en Wilbur, peche da Rúa dos Contos

A Rúa dos Contos, o ciclo pioneiro de narración oral en Galicia, tamén dirá adeus ao público fioteiro este sábado 28. Será nunha intensa fin de semana na que a “ovella negra” do FIOT presentará unha proposta ateigada de humor, risco e acrobacias imposibles no mercado municipal carballés. O ximnasta e intérprete Víctor Ortiz, Wilbur, chega ao FIOT de Carballo para presentar Piensa en Wilbur, un espectáculo que impactará, literalmente, no público, creando situacións imposibles que darán boa conta de por que Wilbur eéun auténtico fenómeno da escena (Circo do Sol), do cinema (traballou con Santiago Segura ou Álex de la Iglesia) televisión (Grand Prix) e, moi especialmente, nas redes sociais, onde conta cunha importante comunidade dixital.