Skip to main content

O Festival Internacional Outono de Teatro de Carballo presenta na súa 31ª edición un novo formato que recolle vellas inquedanzas: Onda FIOT, un espazo web que fai accesibles as iniciativas de teatro sonoro promovidas polo festival ao longo destes últimos anos, e que estará dispoñible nas vindeiras semanas a través da páxina oficial www.fiot.gal Así, o público poderá escoitar, por fin e desde calquera dispositivo, as últimas obras gañadoras do Concurso de Teatro Lido; as ficcións sonoras do FIOT Fónico -‘A lúa, válvula de spray’ e ‘O espello que arde’- ou mesmo a Escola do Espectador, iniciativa pioneira no seu día en Galicia e que este ano dará un paso máis na súa traxectoria. Coa volta da presencialidade, volveranse celebrar espazos de diálogo e reflexión arredor das dramaturxias para xerar, á vez, unha nova ferramenta crítica e contemporánea: A Escola do Espectador nas Ondas, que se gravará ao vivo en Carballo, en formato podcast, durante as fins de semana de outubro da man de voces especializadas en artes escénicas. Estes capítulos ou novos arquivos sonoros  estarán dispoñibles tanto na web do festival como noutras plataformas dixitais. 

A incorporación das novas tecnoloxías no mundo das artes abriu novos campos para achegar o feito artístico ao público. Se ben o festival conta desde hai 21 anos cunha liña específica de programación vinculada ao teatro sonoro -o Concurso Escolar de Teatro Lido ‘Xosé Manuel Eirís’-, nos últimos anos impulsou propostas singulares no panorama escénico galego. É o caso do FIOT Fónico, e que permitiu ao público, en plena pandemia, gozar gratuitamente de obras de teatro de autoras da Costa da Morte a través do teléfono móbil e tiñan, como escenografía, as rúas Carballo. 

Nesta vontade de sumar novas iniciativas e públicos ao seu extenso programa, e que medren xunto ao festival dun xeito firme e sostido, este ano o FIOT abre esta nova xanela a través da súa propia páxina web, á fin de ter, neste Onda FIOT, un espazo de referencia para que estas creacións estean dispoñibles, dun xeito estable, ao longo de todo o ano.