Skip to main content

Da man das Residencias Paraíso, impulsadas polo Colectivo RPM, o creador traballou o pasado mes de xullo en Carballo no proceso creativo do seu proxecto ‘Eyilá ashé ebbora – archivo vivo de la resistencia’, co que explora a espiritualidade como potencia política para a transformación social

Agora, José Ramón Hernández ofrecerá unha mostra aberta do seu traballo en proceso, este xoves, 17 de outubro, ás 20.00h, no Salón de Actos do Pazo da Cultura de Carballo, con acceso libre ata completar a capacidade da sala

Residencias Paraíso é un proxecto impulsado polo colectivo RPM que conta co financiamento da Xunta de Galicia, a través da Axencia Galega das Industrias Culturais, e das distintas institucións coprodutoras do programa: Área de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua do Concello de Lugo, Concello de Pontevedra, Concello de Vimianzo, Concello de Carballo, Concello de Ribadavia e Fundación Cidade da Cultura de Galicia

O pasado mes de xullo, o artista interdisciplinar José Ramón Hernández, fundador e director artístico de Osikán – vivero de creación, iniciaba en Carballo a súa andaina na oitava edición das Residencias Paraíso, un programa anual de residencias artísticas para a danza e as artes vivas pioneiro no noso territorio, promovido polo Colectivo RPM. E o facía no Pazo da Cultura, do 18 ao 30 de xullo, en torno á súa proposta titulada Eyilá ashé ebbora – archivo vivo de la resistencia, un proxecto de creación escénica que explora a espiritualidade como potencia política para a transformación social.

Agora, hoxe xoves, 17 de outubro, ás 20.00h, José Ramón Hernández ofrecerá unha mostra aberta do seu traballo en proceso, que terá lugar no Salón de Actos do Pazo da Cultura, no marco da 33ª edición do Festival Internacional Outono de Teatro de Carballo, o FIOT, con acceso libre ata completar a capacidade da sala.

SOBRE O PROXECTO

Eyilá ashé ebbora – archivo vivo de la resistencia é un proxecto de creación escénica que explora a espiritualidade como potencia política para a transformación social. Inspírase nos saberes subalternos das persoas afro, trans, racializadas e migrantes do sur global e os feminismos negros que se están producindo en España.

Eyilá ashé ebbora – archivo vivo de la resistencia é a segunda investigación da serie escénica Opira, iniciada en Cuba en 2019 e que propón explorar o cruzamento entre o corpo filosófico yoruba, as ritualidades afrocaribeñas e as performatividades contemporáneas. Trátase dun exercicio de combinación do espiritual e o matérico a partir da escoita profunda e a crítica dos camiños e designios que propoñen cada uns dos doce signos do diloggún, sistema ancestral yoruba de adiviñación na Regra Osha Ifa, practicada en Nixeria, Benín, Cuba, Brasil e outros países do Caribe e AbyaYala, para mirar as problemáticas das nosas sociedades contemporáneas.

SOBRE O ARTISTA

José Ramón Hernández (Palma Soriano, Cuba, 1988) é un artista interdisciplinar afrocubano graduado do Instituto Superior de Arte de Cuba, fundador e director artístico de Osikán – vivero de creación. A súa práctica desprázase entre a dirección artística, a dramaturxia, a coreografía, o comisariado de artes en vivo, a instalación, a performance, a educación, a mediación e a xestión cultural. A súa investigación creativa pon o foco nas ritualidades afrodescendientes, a performatividade das corporaleidades periféricas, as materias, as espiritualidades, as memorias, as migracións, as cartografías e os desexos. Ensaia os límites entre a ficción e a realidade, o traballo con documentos non ficcionais e as ferramentas do sensible para afectar e intervir procesos sociais e comunidades.