

O Festival Internacional Outono de Teatro de Carballo (FIOT) incorporará á súa programación de outubro a mostra aberta de Asoballada por fentos, o novo proxecto do artista e investigador ourensán Álvaro Corral Cid, desenvolvido durante a súa residencia artística no Pazo da Cultura de Carballo.
A proposta forma parte da décima edición das Residencias Paraíso, o programa impulsado polo Colectivo RPM para apoiar a creación contemporánea en danza e artes vivas. Entre o 1 e o 15 de xullo, Álvaro Corral Cid traballa en Carballo nesta peza, creada co acompañamento musical de Gabi Reboredo, que explora a memoria folclórica galega desde un diálogo entre arquivo e performance. Asoballada por fentos propón unha revisión crítica da construción dos arquetipos do folclore galego durante o franquismo, combinando elementos como as muiñeiras, os bordados ou os noticiarios cinematográficos para reflexionar sobre a relación entre tradición, identidade e poder.
O resultado deste proceso creativo poderá coñecerse no marco do FIOT, cando o público teña a oportunidade de asistir a unha mostra aberta do traballo en proceso. A colaboración entre o FIOT, a través do Concello de Carballo, e Colectivo RPM reforza o compromiso do festival coa creación contemporánea e co acompañamento de novos procesos artísticos, achegando ao público propostas en pleno desenvolvemento e favorecendo o encontro entre artistas e cidadanía.
SOBRE OS ARTISTAS
Álvaro Corral Cid (Ourense, 2000) é artista e investigador. Gradúase pola Universidade Complutense de Madrid en Belas Artes e obtén o Máster en Investigación en Arte e Creación pola mesma universidade. Os seus estudos e prácticas artísticas propoñen novos puntos desde os que repensar as nosas epistemoloxías canónicas; desde un tórculo, un manuscrito poeirento ou un chaleco. Xuntando imaxes, rebuscando entre arquivos e mirando os significados ata o fondo.
En conxunto, o seu proceso artístico e investigador busca desentrañar como as prácticas tradicionais nacionais, especialmente partindo do caso de estudo galego, poden reactivarse como ferramentas críticas, poéticas e disidentes para xerar plusvalía simbólica e visual. Reflexionando desde a costura, o arquivo e a performance como metodoloxías de exploración histórico-artística, os seus estudos reflexionan arredor do indumento tradicional en España e a continuidade dos arquetipos nacionais.
Os seus principais traballos formaron parte de diversos centros de arte nacionais e condensáronse en escritos académicos como La hermana muerta de Pilar Primo de Rivera y algunos modos de coser pensando en el pasado (2025) ou D.R.A.G. (Dressing Resembling A Galician) (2023).
Gabi Reboredo (O Carballiño, 1989) é intérprete e docente especializado en canto, percusión e baile tradicional. Natural da provincia de Ourense, traballa na divulgación da cultura popular e na súa interpretación desde unha óptica contemporánea. Pertenceu a bandas como De Cor de Lousa e Paraíso Canto e colaborou con artistas como Sheila Patricia, Najla Shami ou Crúas.
Actualmente, exerce o seu labor como docente en diversas asociacións culturais ao longo do territorio galego (Algaravía, Solfa ou Rechouchíos) e forma parte de novos proxectos musicais como poden ser aTorna ou Lideira.





