Cuarta sesión da Escola do espectador nas ondas, a iniciativa do FIOT para achegar claves da creación escénica co público do festival. Nesta sesión, Machús Osinaga(La Mandrágora, Atención Obras, Cine de Barrio) mantén unha conversa con Chévere (Patricia de Lorenzo e Xesús Ron) e Pont Flotant (Álex Cantó e Jesús Muñoz) co gallo das funcións “Pequenas mentiras para contar grandes verdades” e “Eclipse total” no marco Festival Internacional Outono de Teatro de Carballo (FIOT).
Sobre a actividade
Sobre Machús Osinaga
Machús Osinaga é licenciada en Xornalismo pola Universidad Complutense de Madrid. Desde os seus primeiros pasos na Cadena COPE, traballou como periodista en numerosos medios de comunicación, tanto en prensa escrita coma radio ou televisión. ‘Esta noche cruzamos el Mississippi en Telecinco ou ‘La sonrisa del pelícano’, en Antena 3 -ambos dirixidos por Pepe Navarro- son algúns destes programas.
Forma parte da plantilla de RTVE desde hai máis de 25 anos. Entre as súas contribucións máis destacadas como xornalista cultural, figuran reportaxes, documentais ou entrevistas en programas como ‘La Mandrágora’, ‘La 2 Noticias’, ‘Mi reino por un caballo’ ou ‘Atención Obras’. Tamén desenvolveu o seu labor como guionista e redactora no programa ‘Historia de nuestro cine’.
Como docente e experta, impartiu clases de redacción e realización de documentais e reportaxes en radio e televisión na Escuela Superior de Imagen y Sonido CES. Participou como xurado en todas as edicións dos Premios Ceres, outorgados polo Festival Internacional de Teatro Clásico de Mérida; foi membro do xurado do Premio Nacional de Teatro do ano 2022 ou do Premio Lope de Vega no 2022.
Na actualidade dirixe o programa ‘Cine de barrio’ de TVE desde xaneiro de 2022 e colabora co programa ‘La sala’ de Radio Nacional co seu espazo semanal ’Territorio Osinaga’ sobre actualidade escénica.