O novo reto da sustentabilidade.

Temos un compromiso coa sustentabilidade, un reto que nos marcamos hai uns anos e no que queremos avanzar edición a edición. O FIOT é algo máis que un evento e reivindicamos a potencialidade do noso festival como xerador de redes e de vínculos coa comunidade, como promotor do desenvolvemento das persoas e do territorio. De Carballo, como o máis próximo, e do ecosistema das artes escénicas galegas, no que tamén pretendemos desempeñar un papel dinamizador.

Desde hai uns anos, potenciamos esta responsabilidade cun proxecto específico que pon o foco no concepto de sustentabilidade, en liña cos desafíos mundiais da Axenda 2030.

Procuramos a incorporación dos principios da Axenda nas diversas iniciativas do festival, con prácticas que redundan na cogobernanza, na mediación entre axentes, na promoción da igualdade, na formación, ou na sostibilidade do proxecto.

As temáticas abordadas nas obras ou a configuración de equipos artísticos redundan nestes valores, á vez que se continúa coa oferta da tradución a linguaxe de signos dalgúns espectáculos para fomentar a inclusión ou expandimos por múltiples espazos as representacións teatrais para chegar a colectivos diversos. Estade atentos ás redes para estar informados sobre as obras co servizo de tradución.

O énfase na utilización de recursos dixitais e en liña, a potenciación da páxina web e das redes sociais, e a redución paulatina no uso do papel en programas, información, entradas ou votacións son algunhas das medidas postas en marcha nos últimos anos encamiñadas á utilización de recursos máis accesibles económica e medioambientalmente máis responsables.

Intérprete de signos

Interpretación en lingua de signos.