O Festival Internacional Outono de Teatro ofrece, entre os días 7 e 12 de outubro, unha chea de espectáculos, coa intención de converter Carballo no epicentro da actividade cultural nestes días e achegar propostas de disciplinas diversas para público de todas as idades
As parroquias de Cances e Berdillo acollerán, por primeira vez, programación do FIOT; que esta fin de semana tamén inaugura a V edición do Certame de Micro teatro Metro Cadrado
Teatro, teatro, teatro. O Festival Internacional Outono de Teatro propón desde hoxe, e até a festividade do vindeiro martes 12 de outubro, unha completa programación de actividade escénica que sitúa a localidade de Carballo no epicentro da actividade cultural esta fin de semana. Xosé A. Touriñán, Paula Carballeira, Chévere, Luis Piedrahita, Pallasos en Rebeldía, Yllana, Contraproducións, Marta Valverde, La gata japonesa, Arroutadas e David Rodas propoñen unha chea de espectáculos de diversas disciplinas, coa intención de achegar o feito teatral a todos os públicos por toda a comarca, incluíndo tamen funcións nos centros sociais das parroquias de Cances e Berdillo. A programación, ademais, complétase coa posibilidade de visitar a exposición, recentemente inaugurada, Zoom FIOT 2019, que se pode ver no Pazo da Cultura de Carballo, novas funcións dos espectáculos O espello que arde e A lúa, válvula de spray, no marco do FIOT Fónico, e a entrega do Premio Xograresa de Outono 2021 a Silda Alfaro, nun acto que terá lugar o sábado 9.
A apertura desta extensa fin de semana será este mesmo xoves no marco do Ciclo OTNI, coa presentación do work in progress de 30’ 70 60’ 120, o novo espectáculo sobre o que está a traballar a artista multidisciplinar Marta Valverde, unha peza na que reflexiona sobre a precariedade actual desde unha perspectiva documental que mestura o live cinema e a conferencia performativa. O OTNI tamén ofrecerá esta fin de semana, de xeito gratuíto, novas funcións dos dous espectáculos para gozar a través dos dispositivos móbiles que acolle o FIOT Fónico: O espello que arde, estreado a semana pasada, con funcións de venres a domingo e festivos, e a A lúa, válvula de spray.
Ao día seguinte, o venres 8, Praza do Concello será o punto no que o público familiar poida gozar, a ceo aberto, de Los viajes de Bowa, da compañía madrileña La Gata Japonesa, unha proposta repleta de equilibrios, maxia, acrobacia aérea, teatro de obxectos, humor ou poesía. Esta sesión de Teatro de Rúa comezará ás 20.00 horas.
A Rúa dos Contos, a programación estable de narración oral do FIOT desde hai máis de dúas décadas, terá tamén especial protagonismo nesta extensa fin de semana. O ciclo, que propón a recuperación e difusión da tradición oral, incorpora este 2021 unha novidade na súa programación: as Noites de Troula, noites con espectáculos no Mercado Municipal con grandes humoristas que enchen recintos teatrais. É o caso de Xosé A. Touriñán (venres 8 de outubro),quen presentará Aquí tou, ou Luís Piedrahita (martes 12 de outubro), que chega a Carballo no marco da xira estatal Es mi palabra contra la mía. Tamén o mercado acollerá o luns 11 a estrea absoluta de Foot, a nova creación de Pallasos en Rebeldía, un monólogo poético, cómico e surrealista na voz dun futbolista palestino, quen nos conta o imposible camiño do seu equipo para clasificarse á Copa Mundial.
Na xornada do sábado 9 comezará a V edición do Certame Metro Cadrado, con funcións de DES-abonar, de Arroutadas, no Horto Urbano (rúa Nardos) e de A/o pesar do tempo, de David Rodas González, na Ponte de San Martiño. Son pezas creadas especificamente para desenvolver nestes puntos do espazo público de Carballo, abertas á cidadanía e que se poderán ver, nos dous casos, ás 12.30, 13.30, 18.00 e 19.00 horas. Para asistir, recoméndase realizar unha reserva previa a través do correo electrónico fiot.microteatroentrada@gmail.com.
E tamén este sábado 9 arrancará unha das principiais novidades desta 30ª edición, como é o FIOT en Ruta, o programa que expande e descentraliza actividade escénica pola comarca da man de grandes compañías do teatro galego. Así, Berrobambán, con A carreta pantasma, e Chévere, con As fillas bravas e o mito de Casandra, actuarán nos centros sociais das parroquias de Cances e Berdillo os días 9 e 12 de outubro, respectivamente.
Xograresa de Outono e Programa de Sala
Pola noite será a quenda dun dos momentos máis agardados desta 30ª edición: a entrega do Premio Xograresa de Outono 2021 á actriz e directora Casilda García Alfaro. O galardón, outorgado por profesionais das artes escénicas premiados de anteriores edicións, salienta a traxectoria de Silda Alfaro como intérprete, así como o seu compromiso empresarial e noutros ámbitos da escena, como é o seu papel na organización da Mostra de Cangas ou mesmo na Revista Galega de Teatro. O acto terá lugar antes do inicio da función de Cigarreiras, a nova creación de Contraproducións na que Cándido Pazó realiza unha relectura do drama individual e colectivo escrito por Emilia Pardo Bazán na súa novela La Tribuna. Unha gran produción, con sete actrices en escena, na que FIOT colaborou co seu desenvolvemento, no marco do seu compromiso coa estrutura teatral galega, e que, á vez, reivindica publicamente a figura dunha escritora de capital relevancia do devir do feminismo e da literatura.
Ao día seguinte, o domingo 10, chegará outro dos pratos fortes desta edición: o espectáculo Greenpiss, de Yllana, compañía de teatro xestual gañadora en dúas ocasións do Premio Max ao Mellor espectáculo e catro Premios do Público do FIOT. Nesta ocasión, Yllana presenta unha divertida sátira sobre a ecoloxía e o futuro da humanidade, con enfrontamentos entre multinacionais e activistas medioambientais, e na que catro actores darán vida a galiñas, políticos, pingüíns ou árbores, unha creativa receita ateigada de humor ácido e sen barreiras.