A quinta edición do certame de Micro-Escenas Metro Cadrado do 30º Festival Internacional Outono de Teatro de Carballo xa ten pezas finalistas. Ana Abad de Larriva, Núñez&Is Socios Limitados (Jimmy Núñez e Ernesto Is), Sara Guerrero, David Rodas, Arroutadas (Lydia Prada e Mario Rodríguez) e Antón Coucheiro presentarán as súas últimas creacións experimentais nunha das liñas de programación do FIOT máis queridas polo público local, quen valorará, como é habitual, tanto a mellor interpretación coma o mellor espectáculo.
O certame Metro Cadrado ofrece ao público da comarca unha nova experiencia escénica, diferente ás habituais nos recintos: sen barreiras, sen artificios e desde a proximidade. Con esta intención, o FIOT convida ás compañías ou artistas emerxentes a crear ou deseñar un espectáculo (de teatro físico, música, clown, performance, danza, manipulación de obxectos…) de entre 10 e 20 minutos, que se poida poñer en escena, especificamente, nun espazo non teatral. Nesta edición, e tendo presente o contexto sociosanitario que limita a realización de actividade en espazos pechados ou particulares, o certame ofertou a posibilidade de xerar pezas escénicas en 12 espazos diferentes de Carballo. Finalmente, un palco da música, un horto urbano, unha ponte ou un parque infantil, entre outros, serán os escenarios que acollan seis estreas absolutas.
Nesta quinta convocatoria a organización do certame recibiu un total de 36 propostas, tanto de profesionais destacados da escena galega como de colectivos ou agrupacións de afeccionados. Entre todas elas, o xurado do Metro Cadrado, conformado por figuras do sector cultural, seleccionou media ducia de espectáculos finalistas.
As pezas que se poderán ver durante tres sábados do mes de outubro son A miña casa é un palco de música, de Sara Guerrero; A/O pesar do tempo, de David Rodas González; Des-abonar, de Arroutadas (Lydia Prada e Mario Rodríguez López); Na sombra, unha árbore, de Ana Abad de Larriva; OldPlay, de Antón Coucheiro; e Os crocodilos son bichos extremadamente vaidosos, de Núñez& Is Socios Limitados (Jimmy Núñez e Ernesto Is).
Tal e como é habitual no Metro Cadrado, cada espectáculo contará con catro funcións para facilitar a súa visualización por parte do público. Dúas serán en horario de mañá e outras dúas en horario de tarde. Tanto na web do FIOT coma no programa de man do festival poderanse consultar, con antelación, as horas e lugares das representacións.