Skip to main content

Este mes de outubro regresa unha das actividades paralelas do FIOT máis queridas polo público. A Escola do espectador, unha iniciativa aberta á cidadanía que pretende achegar, dun xeito próximo e sinxelo, os segredos e reflexións das artes escénicas ao público de Carballo.

A actividade, coordinada polo xornalista e crítico teatral Camilo Franco, vincularase nesta edición directamente ás #MIRADASFIOT e centrarase nas consecuencias da crise, a nivel argumental, no teatro, e de que xeito esta crise incidiu directamente no incremento da presenza nas táboas de pezas de carácter social.

As sesións terán lugar os sábados de outubro pola mañá, entre as 12.00 e as 13.00 horas, no bar A Barra, e estarán acompañadas dun vermú.

Cada cita da Escola do espectador abordará unha cuestión particular sobre o teatro político ou social, e como este se foi adaptando á última crise, a través dunha pequena intervención inicial e un coloquio aberto a todas e todos os asistentes.

  • 5 de outubro: De que falamos cando falamos de crise. Teatro de intervención/teatro de testemuña. Teatro Político.
  • 12 de outubro: Realidade e realismo. Drama e comedia da realidade.
  • 19 de outubro: Documentos teatrais, teatro documental.
  • 26 de outubro: Vida común. Memoria e confesións.

A Escola do espectador do FIOT é unha actividade libre e gratuíta que non require inscrición previa, pero se queres podes enviarnos un correo electrónico a fiot@fiot.gal para saber que contaremos coa túa presenza!