Sobre a actividade

O nomeamento honorífico como Xograr ou Xograresa do Festival Internacional Outono de Teatro recoñece unha persoa ou entidade que destaca pola súa traxectoria na promoción e desenvolvemento do teatro en Galicia. A elección da galardoada correspóndelle aos anteriores premiados e á Asociación Cultural Telón e Aparte, impulsora do FIOT. En anteriores ocasións gañaron este galardón artistas como Roberto Vidal Bolaño, Artur Trillo, Celso Parada, Víctor Mosqueira, Quico Cadaval, Dorotea Bárcena, Cándido Pazó, Paula Carballeira, Marcelino de Santiago “Kukas”, Alberto Gende, Xosé Manuel Olveira “Pico”, Eduardo Rodríguez Cunha “Tatán”, Susana Dans, Miguel de Lira, Mónica Camaño, Manuel Lourenzo, Patricia de Lorenzo, Carlos Alonso, Silda Alfaro ou Evaristo Calvo.

Xograr de Outono 2023: Ana Romaní

O Festival Internacional Outono de Teatro de Carballo, o FIOT, outorga este 2023 o premio Xograresa de Outono a Ana Romaní. Deste xeito, o encontró mantén viva a chama da posta en valor e o recoñecemento de figuras imprescindibles do sector cultural galego, coa entrega anual dun galardón que quere salientar a traxectoria de profesionais das artes escénicas.

Nesta ocasión, as xograresas e xograreses do FIOT decidiron premiar á escritora e xornalista Ana Romaní. No seu fallo, o xurado destacou “a súa labor inestimable na promoción da cultura, a radio e o teatro galegos, impulsando formatos propios e mostrando un forte compromiso social. Ana Romaní é unha muller de teatro, incansable defensora da cultura galega e do galego, e que acredita unha extensa e recoñecida traxectoria que a levou a alzarse, entre moitos outros galardóns, co Premio Nacional de Periodismo Cultural en 2018”.

Con este galardón, o FIOT abre o espectro do premio a novos sectores vinculados ás artes escénicas, como é o da comunicación, poñendo en valor a súa relevancia e necesaria labor para o coñecemento e a consolidación das artes escénicas. O FIOT quere recordar e agradecer tamén con este premio o vínculo tan especial que Ana Romaní ten con festival xa desde os seus inicios. Foi ela quen chamou ás portas do FIOT xa na súa primeira -e moi humilde- edición, para darlle espazo e cabida no seu prestixioso Diario Cultural, que desde aquel ano repetiu edición a edición a súa valiosa cobertura da cita escénica carballesa. Ana Romaní foi a primeira xornalista en darlle voz ao FIOT e, desde entón, o seu vínculo nunca se rompería.

Para os pasados xograres e xograresas de outono responsables da elección de Romaní como premiada neste 2023, resulta moi significativo e salientable que cando o teatro apenas tiña espazo nos medios de comunicación, ela sempre buscou darlle visibilidade, outorgándolle voz e debate ás compañías, artistas e citas escénicas de Galicia. Romaní recollerá o seu galardón este outono en Carballo, durante a celebración da nova edición do FIOT, o testigo do cómico Evaristo Calvo, premiado en 2022.