Sobre a actividade

O nomeamento honorífico como Xograr ou Xograresa do Festival Internacional Outono de Teatro recoñece unha persoa ou entidade que destaca pola súa traxectoria na promoción e desenvolvemento do teatro en Galicia. A elección da galardoada correspóndelle aos anteriores premiados e á Asociación Cultural Telón e Aparte, impulsora do FIOT. En anteriores ocasións gañaron este galardón artistas como Roberto Vidal Bolaño, Artur Trillo, Celso Parada, Víctor Mosqueira, Quico Cadaval, Dorotea Bárcena, Cándido Pazó, Paula Carballeira, Marcelino de Santiago “Kukas”, Alberto Gende, Xosé Manuel Olveira “Pico”, Eduardo Rodríguez Cunha “Tatán”, Susana Dans, Miguel de Lira, Mónica Camaño, Manuel Lourenzo, Patricia de Lorenzo, Carlos Alonso, Silda Alfaro, Evaristo Calvo ou Ana Romaní.

Xograr de Outono 2024: Avelino González

Un dos grandes nomes das artes escénicas galegas súmase á comunidade de honra do FIOT: Avelino González. A súa ampla e extensa carreira, que abarca dende o teatro e a narración oral ata a dobraxe e a tradución, demostra a súa versatilidade e compromiso coas artes escénicas.

Con este recoñecemento, os xograres e xograresas do FIOT queren premiar non só a súa contribución ao teatro galego, senón tamén o seu carisma e a súa capacidade para conectar profundamente co público, reafirmando a súa posición como unha figura imprescindible na escena cultural galega.

Avelino González é un auténtico embaixador da cultura galega. A súa traxectoria comezou nos anos 80, e desde entón explorou campos tan diversos como o teatro, a televisión e a animación de rúa. Destaca por ser un dos pioneiros da narración oral en Galicia, así como por traducir obras para a dobraxe e o teatro. A súa participación en proxectos destacados como as series As Leis de Celavella e Padre Casares, e as súas actuacións en escenarios internacionais como Polonia e Cuba, subliñan a súa relevancia e impacto cultural.

Unha pegada que coñecemos ben en Carballo e no FIOT, onde é moi querido e aplaudido polo público cada vez que pisa un escenario: sexa no auditorio do Pazo da Cultura como no antigo Cine Rega, da man de compañías como OllomolTranvía, Teatro do Aquí e Contraproduccións, ou na Rúa dos Contos cos seus propios monólogos.

O acto de entrega do Premio Xograr de Outono 2024 a Avelino González terá lugar o sábado, 19 de outubro, no Auditorio do Pazo da Cultura de Carballo, despois da función desa noite, ao redor das 21.35h.