Día
Venres 4 de setembro 2026

Hora
19.30 h

Espazo
Pazo da Cultura

Entrada
Entrada libre

Público
Todos os públicos

O festival abre as súas portas coa tradicional cita de presentación da súa programación, un primeiro encontro cos espectadores, cos socios e socias de Telón e Aparte, co voluntariado e coas institucións e entidades colaboradoras que fan posible a 35 edición do FIOT.

Un momento feliz de reencontros co público, a nosa forza e a nosa inspiración; de compartir e defender un programa que realizamos con ilusión; de agradecer a institucións e colaboradores, socios e voluntariado o seu compromiso con este proxecto, co Corazón de Teatro de Galicia.

E recibirémolos con alegría e música que celebre este inicio.

Nestes tempos onde impera a “multitarefa” e a intelixencia artificial ameaza con gobernalo todo, poucas cousas hai tan contemporáneas e nostálxicas como un encontro con esta muller orquestra.

Unha señora orquestra é o proxecto de muller orquestra que presenta a música e actriz Ailén Kendelman. Unha proposta singular na que a artista acciona varios instrumentos a través dun curioso sistema de mecanismos, cordas e roldanas cos que interpreta con habilidade ritmos galegos, músicas do leste e folclore latinoamericano.

O público que entra no mundo de Unha señora orquestra forma parte dun espectáculo cheo de humor e tenrura, move o esqueleto con temas bailables e chalados, canta con ela as súas letras reivindicativas e un chisco picantes.

Podíamos empezar mellor?

Voz, acordeón, bombo, caixa, pratos, aerófonos, composición musical e cocreación: Ailén Kendelman

Letras e cocreación: Areta Bolado

Construción do trebello musical: Xosé Tunhas

Mellora de sistemas e amarres: Elena Ferro

Creación do paraugas-frauta: Xavi Lozano