Sobre a actividade

Procurando ir máis aló da difusión e dinamización teatral, un dos obxectivos do FIOT é participar activamente na creación escénica, servindo de marco para a estrea de espectáculos e colaborando con compañías na xeración de novas propostas, implicándose ademais na súa produción.

Creando teatro

Nesta edición, a coprodución do FIOT é coa veterana compañía galega Berrobambán, liderada por Paula Carballeira, unha destacada e polifacética creadora das artes escénicas galegas, recoñecida o pasado ano co Premio Nacional de Literatura Dramática e tamén unha das nosas Xograresas de Outono, o que fai desta colaboración algo moi especial. No proxecto Mulleres que viven soas #MQVS, Carballeira estará acompañada polas narradoras e actrices Vero Rilo e María da Pontragha, coa dirección a cargo de Chiqui Pereira e Nuria Sanz.

Este ano, o FIOT tamén acolle en residencia artística e técnica a citada coprodución con Berrobambán, así como ao creador cubano afincado en Madrid, José Ramón Hernández. Estas residencias realízanse grazas á colaboración co programa interinstitucional Paraíso, impulsado polo colectivo RPM co apoio da AGADIC e o Concello de Carballo.

Os procesos creativos desenvolvéronse no Pazo da Cultura, sede do festival, utilizando diferentes espazos, como o auditorio e otras salas, entre os meses de xullo e outubro. O FIOT tamén ten como misión dar visibilidade e promocionar o teatro galego, non só en Galicia, senón tamén a nivel nacional e internacional, a través do esforzo comunicativo que fai que cada vez resoe con máis forza fóra da nosa comunidade.

Nesta edición, están previstas 8 estreas absolutas de espectáculos galegos, 4 delas de pequeno formato, pertencentes ao Ciclo de Micro-Escenas M², un programa que busca impulsar a creación detectando e dando visibilidade a creadores emerxentes que exploran novos formatos e espazos teatrais.

Ademais, acolleremos a estrea en Galicia da grande maioría dos espectáculos de fóra da nosa comunidade que forman parte do programa deste ano, sumando 7 novas propostas que enriquecerán a programación do festival.