A organización do Festival Internacional Outono de Teatro (FIOT) decidiu outorgar o galardón de Xograresa de Outono 2019 a Patricia de Lorenzo. O FIOT recoñece así a unha das grandes actrices galegas, que leva tres décadas dedicada á interpretación e traballando en diferentes eidos: teatro, música, dobraxe, cine e televisión.
Patricia de Lorenzo forma parte de Chévere desde 1994, unha compañía de referencia en Galicia. Como actriz, participou en todas as súas montaxes. Moitas delas xa forman parte da historia teatral galega, como Annus Horríbilis, Rio Bravo 02, Citizen, Eurozone ou Eroski Paraíso. De Lorenzo é un piar fundamental da compañía, tanto enriba como detrás do escenario, desenvolvendo labores de dirección, administración, xestión e produción.
Na súa traxectoria profesional tamén traballou con Teatro do Aquí, Elsinor ou o Centro Dramático Galego. Patricia de Lorenzo ten recibido prestixiosos galardóns que recoñecen a súa traxectoria como actriz, como varios María Casares ou o Maruxa Villanueva.
O acto de entrega do galardón desta edición está previsto para o 1 de novembro, previo ao inicio da función de Fariña.
Xograr de Outono
O Xograr de Outuno é un nomeamento honorífico do Festival Internacional Outono de Teatro para recoñecer unha persoa ou entidade que destaque pola súa traxectoria na promoción e desenvolvemento do teatro en Galicia. A elección da galardoada correspóndelles aos anteriores Xograres de Outono e á Asociación Cultural Telón e Aparte.
En anteriores edicións, foron xa merecedores deste premio Roberto Vidal Bolaño, Artur Trillo, Celso Parada, Víctor Mosqueira, Quico Cadaval, Dorotea Bárcena, Cándido Pazó, Paula Carballeira, Marcelino de Santiago “Kukas”, Alberto Gende, Xosé Manuel Olveira “Pico”, Eduardo Rodríguez Cunha “Tatán”, Susana Dans, Miguel de Lira, Mónica Camaño e Manuel Lourenzo.