O Pazo da Cultura de Carballo acolleu este domingo a gala final do certame teatral, no que este ano participaron un total de 140 alumnas e alumnos de 12 centros escolares de Carballo, Laracha, Coristanco, Ponteceso, Cabana e Malpica. No acto, no que a clown Pajarito exerceu de mestra de cerimonias, os catro grupos finalistas (dos 24 inscritos na súa totalidade) volveron realizar unha lectura das súas obras.
O xurado determinou a orde final de cada categoría:
1ª categoría (grupos de nenas e nenos de Educación Infantil e Educación Primaria)
- 1º Premio: Os Cristinatreiros, do CEIP A Cristina, coa obra Cataventos e Cía
- 2º Premio: Bastidores, do CPR Artai, coa obra Nunca é a gusto de todos
2ª categoría (grupos de nenas e nenos de ESO, bacharelato ou CF de grao medio)
- 1º Premio: Instalacións eléctricas, do CPI As Revoltas, coa obra Na oficina de obxectos perdidos
- 2º Premio: Contadores de contos, do IES Alfredo Brañas coa obra Contos para ser escoitados
O acto contou coa presenza do director do FIOT e presidente da Asociación Cultural Telón e Aparte, Alberto Sueiro, e Ángela Rodríguez Acosta, en representación da Cadena SER – Radio Nordés, medio colaborador no concurso. O xurado estivo conformado polos seguintes membros.
– José Antonio Rodríguez Lista: gran afeccionado ao teatro e secretario da AC Telón e Aparte.
– Basi Pacoret Balsa: profesora e voluntaria do FIOT.
– José Luis Castro González: profesor e voluntario do FIOT.
– Santiago Pazos Iglesias: afeccionado ao teatro, articulista teatral e colaborador con medios de comunicación.
– Maruxa Suárez Cotelo: educadora infantil e concelleira de Cultura do Concello de Carballo.
Os primeiros clasificados de cada categoría recibirán 150€ en libros material didáctico e os segundos 100€ grazas á colaboración da Librería Brañas.
O Festival Internacional Outono de Teatro de Carballo quere trasladar os seus parabéns a todas as persoas implicadas no desenvolvemento desta nova edición do certame. Na sección Onda FIOT poderanse escoitar, nos vindeiros días, as catro obras gañadoras do concurso.