- A versión libre sobre a comedia de Shakespeare, á vez baseada nunha de Plauto, contará con seis actores en escena -entre eles, Pepón Nieto, Antonio Pagudo e Rulo Pardo- que interpretarán 24 personaxes diferentes
- A obra, que poderá verse mañá martes, 31 de outubro, ás 21.00h, no Pazo da Cultura de Carballo, pechará o Programa de Sala do #FIOT32
- A derradeira actividade no marco do festival chegará o 12 de novembro coa gala final do XXII Concurso Escolar de Teatro Lido Xosé Manuel Eirís
O Festival Internacional Outono de Teatro de Carballo (FIOT) despídese coa programación do derradeiro espectáculo desta 32ª edición. Mañá martes, 31 de outubro, ás 21.00 horas, o Pazo da Cultura acollerá, no marco do Programa de Sala, a representación de La comedia de los errores, dirixida polo laureado Andrés Lima. O director, recoñecido, entre outros, con numerosos galardóns Max e co Premio Nacional de Teatro 2019, regresa a Carballo logo da función de Prostitución, que puido verse no FIOT en pausa de 2020.
La comedia de los errores, producida polo Festival Internacional de Teatro Clásico de Mérida e Mixtolobo, é unha divertida versión libre da comedia de William Shakespeare, á súa vez baseada nunha obra de Plauto, no que seis excepcionais actores -Pepón Nieto, Antonio Pagudo, Fernando Soto, Rulo Pardo, Avelino Piedad e Estaban Garrido- interpretan un total de 24 personaxes. Enredos e equívocos, encontros e desencontros, débedas, xoias, cruzamentos danse cita nunha comedia ateigada de erros que se producen sen parar ata que o desastre se converte nunha festa que celebra a diversidade.
Nesta peza, Andrés Lima constrúe un vertixinoso xogo teatral no que convidará ao público carballés a poñerse no lugar do outro e cuestionar os límites entre o verdadeiro e o falso. Con esta singular adaptación do texto do bardo inglés, o #FIOT32 pecha unha edición marcada pola diversidade e a excelencia, con voces persoais e singulares e dunha notable calidade artística.
Continuarán actividades en paralelo
Alén da programación de exhibición, estes días o público aínda pode visitar as exposicións Vida e legado de Carlos ‘O Xestal’ e Zoom FIOT 2022, situadas no andar -1 e 0, respectivamente, do Pazo da Cultura. Ademais, as Escolas do Espectador celebradas durante o festival poderán escoitarse en formato podcast na web.
Finalmente, a actividade desta edición do #FIOT32 pecharase o vindeiro domingo 12 de novembro coa gala final do XXII Concurso Escolar de Teatro Lido Xosé Manuel Eirís, na que se dará a coñecer o nome dos grupos gañadores desta proposta escénica radiofónica dirixida, especificamente, ao alumnado de Bergantiños. Os audios quedarán subidos na sección Onda FIOT. Os vídeos participantes poden verse na canle de Youtube.