
Territorio Regueifa’ é unha coprodución do Festival Internacional Outono de Teatro de Carballo xunto a Ainé Producións e o Centro Dramático Galego, dirixida por José L. Prieto e protagonizada por Manolo Maseda, Lupe Blanco e Josinho da Teixeira

O FIOT retomará en febreiro de 2026 a estrea absoluta do espectáculo Territorio Regueifa, que terá lugar no Pazo da Cultura de Carballo o venres, 6 de febreiro, ás 21.00h. A peza é unha coprodución do Festival Internacional Outono de Teatro de Carballo xunto a Ainé Producións e o Centro Dramático Galego, dirixida por José L. Prieto e protagonizada por Manolo Maseda, Lupe Blanco e Josinho da Teixeira.
A estrea da peza houbo de ser cancelada o pasado mes de outubro, no marco da 34ª edición do FIOT, por unha baixa médica dun dos intérpretes, que está xa recuperado. As entradas para a función, quere levar a maxia da improvisación oral a novos públicos, consolidando a regueifa como un patrimonio vivo, capaz de unir humor, emoción e coñecemento nun espectáculo participativo e festivo, estarán dispoñibles no mes de xaneiro.
SOBRE ‘TERRITORIO REGUEIFA’
Combinando o xeito de regueifar, a retranca e a música cos códigos do teatro de proximidade, tres recoñecidos regueifeiros e músicos traen á escena unha forma moi nosa de humor e crítica social, achegando ao público de hoxe a historia, o oficio, e o mundo desta ancestral expresión cultural.
Carballo e Bergantiños son recoñecidas pola riqueza do seu patrimonio cultural inmaterial e, en particular, do oral, que forma parte da nosa identidade. En Carballo, a regueifa mantense viva cos regueifeiros tradicionais e con proxectos de revitalización. O FIOT non pode ser alleo a explorar este Territorio Regueifa, unha inédita e ambiciosa proposta escénica que pon en valor este xénero artístico que consiste en manter unha disputa dialéctica improvisada en verso entre varios participantes e que está en consonancia co lema desta edición do FIOT, a raíz como orixe da identidade propia e colectiva.
Improvisación, humor, música, teatro e a “chispa” e espírito festivo propio da regueifa configuran un espectáculo total! A responsable do proxecto é Ainé, a produtora dirixida por Xosé Antonio Touriñán cunha década de experiencia na creación de espectáculos de artes escénicas pensando no público e comprometidos coa lingua e a cultura de Galicia. O divertimento está, sen dúbida, asegurado.





