Skip to main content
Novas

O FIOT repite un ano máis entre os mellores proxectos culturais de Galicia no Observatorio da Cultura de 2025

By 30/01/2026No Comments

O FIOT sobe ata a 3ª posición –xunto ao Festival Sinsal, o Centro Dramático Galego e a Bienal de Pontevedra– na listaxe de mellores iniciativas culturais galegas que anualmente elabora a prestixiosa Fundación Contemporánea

Deste xeito, o encontro carballés sitúase de novo como o festival de artes escénicas máis valorado da comunidade galega en 2025

En 2022, o FIOT foi recoñecido neste informe como o mellor da cultura galega e, polo tanto, Insignia Cultural de Galicia

Presentación da última edición do festival | Foto: Vane Rábade

Presentación da última edición do festival | Foto: Vane Rábade

O Festival Internacional Outono de Teatro de Carballo (FIOT) foi distinguido una ano máis polo prestixioso ‘Observatorio de la Cultura’ da Fundación Contemporánea como o terceiro mellor proxecto cultural galego de 2025, posto que comparte co Festival Sinsal, o Centro Dramático Galego polo espectáculo A serie clopen e a Bienal de Pontevedra. Deste xeito, o encontro carballés sitúase como o festival de artes escénicas máis valorado da comunidade galega en 2025.

O ‘Observatorio de la Cultura’ elabora, desde fai máis dunha década, unha serie de clasificacións e indicadores relativos á actividade cultural das diferentes comunidades autónomas, seleccionando e poñendo en valor as institucións e os acontecementos culturais máis destacados do ano. En 2022, o FIOT foi recoñecido neste mesmo Observatorio da Cultura como o mellor da cultura galega e, polo tanto, Insignia Cultural de Galicia, mentres que en 2024 acadou a cuarta posición.

O MELLOR DA CULTURA 2025

A Fundación Contemporánea presentou no Palacio de Festivales de Cantabria o informe ‘Lo Mejor de la Cultura 2025’, elaborado co apoio de CREA SGR. Desde 2009, o informe ofrece unha radiografía anual do estado da cultura en España, e por comunidades, e reúne máis de 500 propostas culturais —museos, centros de arte, teatros, festivais, feiras, bibliotecas, proxectos dixitais e rurais—. En 2025, o estudo foi elaborado a partir da valoración de 443 profesionais do sector e mantén a Galicia como a sexta comunidade pola calidade e innovación da súa oferta, e superando por primeira vez o 20% dos votos.

O informe completo ‘Lo mejor de la cultura 2025’ pódese descargar aquí.

A 34ª, UNHA DAS EDICIÓNS MÁIS PARTICIPATIVAS DO FIOT

O Festival Internacional Outono de Teatro de Carballo, o FIOT, celebrou a súa 34ª edición cun dos mellores balances da súa historia, tanto en asistencia de público como en valoración artística e social. O evento, avalado nos últimos anos como un dos grandes referentes das artes escénicas de Galicia e de España, contou cunha participación de preto de 15.000 persoas entre espectáculos e actividades paralelas, con máis de 7.000 espectadores nas súas representacións teatrais. A acollida foi masiva en toda a programación, con máis do 90% de ocupación media nos espectáculos con aforo e venda íntegra de bonos. Cabe destacar o fito do 100% de ocupación do Programa de Sala acadado por primeira vez na historia do FIOT.

ESTREA DE ‘TERRITORIO REGUEIFA’

O vindeiro 6 de febreiro, no Pazo da Cultura, terá lugar estrea absoluta do espectáculo ‘Territorio Regueifa’, que tivera que ser cancelada o pasado mes de outubro, durante o desenvolvemento do FIOT, por unha baixa médica dun dos intérpretes. A peza é unha coprodución do FIOT xunto a Ainé Producións e o Centro Dramático Galego, dirixida por José L. Prieto e protagonizada por Manolo Maseda, Lupe Blanco e Josinho da Teixeira. As entradas para a función están á venda en Ataquilla.