- A compañía coruñesa A trastenda dos contos, conformada por Gema Santos e Caxoto, presenta unha obra para público infantil que pretende sensibilizar na integración e na igualdade de oportunidades; e que conta co apoio do FIOT, preocupado tamén pola atención ás necesidades de todos os público
- O público infantil tamén poderá gozar esta semana de obras como Ma solitud, do recoñecido clown catalán Guillem Albà; Gernika (danos colaterais), de Os monicreques de Kukas; ou mesmo Solo, de Roi Borrallas, peza que abre este xoves 12 unha nova edición do FIOT en Ruta
- A Sala de Exposicións do Pazo da Cultura, situada no andar -1, acollerá desde mañá,a partir das 20.00 horas, a exposición monográfica Vida e legado de Carlos ‘O Xestal’
- O Programa de Sala ofrecerá a estrea absoluta de O pequeno poni, de Paco Bezerra, quen participará o sábado 14 na Escola do espectador das ondas; ademais das funcións de Sexpiertos, que conta no seu reparto con Telmo Uriarte -Premio Goya 2023 ao Mellor Actor Revelación- ou da comedia negra El Traje, con Javier Gutiérrez e Luis Bermejo coma protagonistas
- A Rúa dos Contos ofrecerá dúas das súas sesións máis musicais da man de Vero Rilo e Santi Cribeiro, coa proposta Tralalareira, e o concerto Por elas, con Adhara e Ritman
- Liñas de programación como FIOT en Ruta, que leva o teatro ás parroquias da comarca de Bergantiños, ou as funcións de microteatro do Certame Metro Cadrado inician esta semana a súa actividade
A estrea absoluta do espectáculo inclusivo É meu amigo!, da compañía A Trastenda dos Contos, marcará o inicio dunha semana no FIOT marcada pola súa intensa actividade escénica e coa ollada posta no público infantil, con funcións programadas en seis das súas liñas de programación escénica, como Fiotiño, Rúa dos Contos, OTNI, FIOT en Rita, Programa de Sala e Metro Cadradro; ademais da apertura da mostra monográfica sobre Carlos ‘O Xestal’ no Pazo da Cultura.
É meu amigo! é un espectáculo inclusivo para persoas xordas e ouvintes, no que a lingua de signos e lingua oral contan e se integran por igual grazas ao traballoconxunto, para a creación desta peza, de Gema Santos e Caxoto, narrador cunha extensa traxectoria no FIOT e, particularmente, na liña para o público máis novo: o Fiotiño. “Cremos que a xestualidade da lingua de signos, e a combinación da palabra e do xesto, suma moito á hora de narrar contos”, apuntou Caxoto esta mañá na presentación da obra.Neste sentido, Gema Santos salientou “a importancia de que a cultura visualice e conte, nas súas propostas, cunha lingua minorizada como é a de signos; que ademais dota de riqueza ao espectáculo”.
Logo de dous anos de investigación na integración entre as dúas linguas -nas que, por exemplo, a construción gramatical é diferente- e a realización dunha residencia artística en Carballo, a estrea absoluta de É meu amigo! terá lugar mañá, mércores 11, ás 18.00 horas, no Pazo da Cultura; e a entrada será libre ata completar a capacidade do auditorio. O FIOT apoia este espectáculo -dirixido especialmente ao público infantil- preocupado tamén por manter un comportamento socialmente responsable e pola atención ás necesidades de todo o público, e lembra que haberá espazos nas primeiras filas para persoas e familias con diversidade auditiva.
O acto desta mañá tamén deu pé ao anuncio da inauguración, este mércores 11 ás 20.00 horas, da exposición Vida e legado de Carlos ‘O Xestal’ unha proposta monográfica que se achega á persoa e ao traballo artístico do narrador oral Carlos Díaz Gestal, coñecido como ‘O Xestal’, a través dalgúns obxectos persoais e de gravacións que del se conservan. A mostra, que se situará no andar -1 do Pazo da Cultura, poderase visitar até o 12 de novembro.
PROGRAMACIÓN DO FIOT NA PONTE DE OUTUBRO
Alén da estrea de É meu amigo!, o público infantil -especialmente a partir dos 8 anos- poderá gozar con outros espectáculos ao longo desta extensa fin de semana. Así, o día 12, o recoñecido clown catalán Guillem Albà presentará no marco do ciclo OTNI (Obxecto Teatral Non Identificado), unha dobre función do seu premiado espectáculo Ma solitud -Premio Fetén 2023 ao Mellor Espectáculo de Pequeno Formato- que estreará en Galicia e do cal ofrecerá sesións ás 18.00 e ás 20.30 horas. Ao día seguinte, o venres 13, a compañía pioneira no teatro de marionetas en Galicia, Os monicreques de Kukas, presentará Gernika (Danos colaterais), un alegato antibelicista, stuil e poético que rende honmanxe a Picasso. Na peza,pensada para pases de 5 minutos, cun único espectador, conta cun formato de teatro íntimo, case de pintura en movemento, no que prima o traballo artesanal e a mirada plástica e artística.
Para público miúdo tamén é o espectáculo que abrirá unha nova edición do FIOT en Ruta, o programa do festival que leva as artes escénicas ás parroquias de Bergantiños. Así, o xoves 12, o clown galego Roi Borrallas presentará no Centro Social de Oza, ás 19.00 horas, o seu espectáculo Solo, proposta na que, a través dos monicreques, da manipulación de obxectos e do humor, reflexionará sobre a soidade e as caretas que todas e todos nos poñemos no día a día.
No caso do Programa de Sala, a programación estará marcada pola estrea absoluta, o venres 13, de O pequeno poni, de Paco Bezerra (Premio Nacional de Literatura Dramática 2019), cunha adaptación ao galego presentada pola compañía Redrum Teatro baixo a dirección de Álex Sampayo. Protagonizada por Guillermo Carbajo e Laura Míguez, a peza aborda o acoso escolar e a homofobia. Ao día seguinte, ás 17.00 horas, o Dubra Café acollerá unha nova sesión da Escola do espectador nas ondas na que participarán Paco Bezerra e Álex Sampayo.
Ademais, o sábado 14 o auditorio do Pazo da Cultura acollerá unha función de Sexpiertos, que chega da man de Camiño Escena Norte, o programa de intercambio cultural a través das artes escénicas que se desenvolve entre Galicia, Asturias, Cantabria, Euskadi e Navarra. Na súa quinta edición, CEN -que se vinculou ao festival desde os seus inicios- escolleu FIOT como a iniciativa cultural galega de referencia para visualizar nos demais territorios participantes no proxecto. Nesta ocasión, propón un espectáculo distinguido co Premio Max 2023 á Mellor Labor de Produción, e que conta co intérprete Telmo Uriarte -Premio Goya 2023 ao Mellor Actor Revelación- como cocreador e coprotagonista.
Xa de cara ao domingo 15, o FIOT presentará un dos pratos fortes desta edición, a comedia negra El Traje, que conta con dúas das figuras máis recoñecidas do panorama escénico e audiovisual de España, como son os premiados Javier Gutierrez e Luis Bermejo. A cita, que en seguida esgotou as entradas dispoñibles, presentarase en Carballo o domingo 15 ás 20.30 horas.
Por outra banda, a Rúa dos Contos, o XXIV ciclo de narración oral pioneiro en Galicia, ofrecerá dúas das súas sesións máis musicais do ano, Por unha banda, a narradora Vero Rilo, acompañada ao acordeón por Santi Cribeiro (Berrogüetto, Os d’Abaixo) presentarán no Casino 1889 (mércores 11, 21.00 horas) Tralalareira, historias de vida, de tradición oral e de contos para cantar. Dúas horas despois, ás 23.00 horas, a Taberna O Patacón acollerá o concerto Por elas, de Ahara & Ritman, no que a protagonista absoluta seránas letras das cancións.
Finalmente, o sábado 14 dará comezo o VII Certame de Micro-Escenas Metro Cadrado, a proposta de microteatro do FIOT para apoiar a creación escénica de novos formatos e a compañías e artistas emerxentes, un espazo no que poder experimentar e investigar sobre os límites do feito teatral. O acceso a estes espectáculos é gratuíto, mais cómpre facer unha reserva de praza previa a través do enderezo electrónico fiot.microteatroentrada@gmail.com. As primeiras sesións terán lugar o sábado no taller de olería Crúa María Barca, na que se estreará Ananké? Edipo en 15 minutos, de Contradictoria Compañía, -na que a través do metateatro e o humor cuestionarán a liberdade do ser humano- e na pista de skate, na que Souvenir representará O que é o raio, nin maldita idea, un espectáculo que xoa coas expectativas do público nunha viaxe surrealista e irónica. Haberá catro funcións (12, 13, 18 e 19h) de cada peza.