A nova edición do Festival Internacional Outono de Teatro de Carballo, o FIOT, xa ten data de celebración: o certame escénico de referencia da Costa da Morte e do outono en Galicia festexará a súa 30ª edición entre os días 24 de setembro e 29 de outubro, retomando deste xeito a súa habitual programación de máis dun mes de funcións e actividades na comarca bergantiñá. A deste 2021 será unha edición moi especial, na que compañías gañadoras do Premio do Público do FIOT, como Ron Lalá, Yllana, Manolo Alcántara ou Talía Teatro, ou artistas queridos como Touriñán, Chévere ou Voadora, entre outros, regresarán a Carballo para celebrar tres décadas do fortalecemento, activación e espallamento da escena galega.
O FIOT decorrerá desde o venres 24 de setembro cunha chea de propostas para todos os públicos, pois o certame recuperará as diferentes liñas de programación que conforman o festival: Programa de Sala, OTNI, Teatro de Rúa, Rúa dos Contos, Certame de Micro-Escenas Metro Cadrado ou FIOTeen volverán encher de actividade escénica os recintos e o espazo público de Carballo. Nun ano de celebración, ademais, súmase unha nova liña, o FIOT en ruta, que nace co obxectivo de descentralizar a actividade polo territorio.
A 30ª edición do Festival Internacional Outono de Teatro abrangue unha programación interesante e diversa, na que se coida tanto a presenza de propostas innovadoras e arriscadas, ou de novas linguaxes artísticas ou de creación contemporánea así como pezas enfocadas ao novo circo e público familiar; un programa que se completará con iniciativas de mediación ou achegamento do feito artístico, as nomeadas actividades complementarias coas que se expande o proxecto; e que darán boa conta da implicación de multiplicidade de axentes e do dinamismo do festival.
En total, o FIOT contará con 39 espectáculos, dos cales 11 serán estreas absolutas: O espello que arde, de FIOT e Lidiss; A parábola do angazo, de Talía Teatro; Foot, de Pallasos en Rebeldía; Don Carnal (contos desvergoñados), de Caxoto; Desta sairemos mellores, de Ángela Triana; e as seis pezas finalistas do V Certame de Micro-Escenas Metro Cadrado, que se representarán en seis puntos do municipio carballés os sábados 8, 16 e 23 de outubro. Ademais, o certame acollerá tres estreas en Galicia de espectáculos que están a xirar por escenarios da península: Solo un metro de distancia, de Serena Producciones; e a versión tanto presencial coma virtual da última creación da compañía Onírima Mecánica, Ronem Ram (que é Mar Menor ao revés), unha instalación que pon de manifesto a situación de emerxencia ecolóxica na que se atopa o seu ecosistema.
Precisamente a innovación para a superación das dificultades e a incorporación de novas linguaxes e formatos da cultura dixital ás artes escénicas é unha das claves deste FIOT30, no que tamén se abordará, desde a súa programación, unha reflexión: como seguir vivindo e como construír o futuro. A pandemia puxo de manifesto a fraxilidade física, de sistemas sociais e económicos e do planeta, confrontando co futuro do medio ambiente e, en consecuencia, co dos seres humanos. Esta base temática, acompañada de cuestións como as violencias machistas, a soidade ou a visualización da muller é o relato sobre o que agroma o FIOT 2021, no que o certame subliña o seu compromiso coas inquedanzas sociais e a relevancia da cultura para a superación de catástrofes como a pandemia vixente. O humor, a comedia como xerador de discurso, será a principal vía para abordar estas temáticas, en compañía doutros xéneros e disciplinas. Así, no FIOT haberá drama social, teatro clásico, musical, xestual, circo, teatro físico, teatro de obxecto, baile ou teatro sonoro: por segundo ano consecutivo, o festival producirá o FIOT Fónico, unha sorte de experimentación sonora na que conxuga as artes escénicas e o espazo público coas novas tecnoloxías.