Pola súa banda, Malena Alterio regresa ás táboas de Carballo para presentar, este domingo, 20 de outubro, ás 20.00h, no Pazo da Cultura de Carballo, a función ‘Los amigos de ellos dos’
O público poderá asistir a unha conversa coa artista Paula Quintas, nunha nova sesión de Onda FIOT – Escola do Espectador nas Ondas, o sábado 19, ás 13.00h, no Salón Social do Pazo da Cultura; e, tamén, a un ‘Café con’ con Malena Alterio e David Lorente, o domingo 20, no Salón da TV, ás 18.00h; ambos encontros son de libre acceso ata completar a capacidade
Paralelamente, o sábado 19, ás 12.00, 13.00, 18.00 e 19.00h, chegan ao FIOT dúas novas propostas de micro-teatro no marco de Micro-Escenas M2: ‘Rebel Rebe’, de Vórtice Escénico, na tenda de roupa Akira; e ‘Teño un carabel no peito’, de Aviva-Lo, na Fonte da Cristina
O Festival Internacional Outono de Teatro de Carballo, o FIOT, continúa a andaina da súa 33ª edición esta fin de semana con tres novas propostas no marco do OTNI e do seu Programa de Sala: por unha banda, a galega Paula Quintas presentará a estrea absoluta de Multiperspectivas#3, a súa nova creación, o venres, 18 de outubro, ás 20.00h, no Salón de Actos do Pazo da Cultura de Carballo.
Improvisación teatral, circo, danza, tecnoloxía e performance son os compoñentes desta proposta orixinal e nova que parte da nosa perspectiva como espectadores, deixando espazo para a interacción. O público gozará somerxéndose nunha instalación circense compartida a tempo real na que vivirá unha experiencia a curta distancia da acción, da que forman parte humor, risco, beleza e sorpresa. Esta “cápsula #3” é a culminación dunha investigación na que a creadora, bailarina, coreógrafa e artista circense Paula Quintas experimenta cos límites das artes escénicas para enfrontarse coa realidade do espazo que nos rodea: os límites entre o privado e o público, e o vivencial na arte.
Xa o sábado 19 de outubro, ás 20.00h, chegaralle a súa quenda á estrea en España de El brote, da compañía Criolla. Cun ritmo vertixinoso, esta comedia, por momentos moi negra, móstranos a cara interna do teatro e retrata con acidez as relacións humanas e as frustracións contemporáneas, convidándonos a mirarse e buscar os límites propios. Este espectáculo foi estrado no ano 2023 e converteuse nun verdadeiro fenómeno da carteleira de Bos Aires, recibindo diversos premios. Considerado como un das figuras máis relevantes do teatro arxentino da última década, o autor e director Dionisi, crea unha obra poética e conmovedora interpretada con paixón e virtuosismo por Roberto Peloni.
Ao finalizar a representación de El brote, no mesmo auditorio do Pazo da Cultura, terá lugar a entrega do galardón Xograr de Outono 2024 a Avelino González.
Antes, na mesma xornada do sábado 19, ás 12.00, 13.00, 18.00 e 19.00h, chegan ao FIOT dúas novas propostas de micro-teatro no marco do Certame Micro-Escenas M2: Rebel Rebe, de Vórtice Escénico, que poderá verse na tenda de roupa Akira; e Teño un carabel no peito, de Aviva-Lo, na Fonte da Cristina.
Finalmente, este domingo, 20 de outubro, ás 20.00h, no Pazo da Cultura de Carballo, Malena Alterio regresará ás táboas de Carballo para presentar a función Los amigos de ellos dos, unha omedia dramática reflexiona sobre como as persoas se senten valoradas polos seus achegados, as inseguridades e percepcións que os rodean, e papel que cada un ocupa nesta sociedade. Daniel Veronese ten unha das traxectorias máis relevantes do novo teatro arxentino, con máis de 25 premios, entre eles o Premio Nacional de Dramaturxia de Arxentina ou o Max Iberoamericano. Nesta obra dirixe a dous recoñecidos intérpretes e tamén multipremiados, Malena Alterio (último Goya á interpretación feminina) e David Lorente, que nos conducirán entre a risa e a reflexión para explorar os vínculos humanos e as súas complexidades.
No marco das actividades paralelas, o público poderá asistir a unha conversa coa artista Paula Quintas, nunha nova sesión de Onda FIOT – Escola do Espectador nas Ondas, o sábado 19, ás 13.00h, no Salón Social do Pazo da Cultura; e, tamén, a un ‘Café con’ con Malena Alterio e David Lorente, o domingo 20, no Salón da TV, ás 18.00h. Ambos encontros son de libre acceso ata completar a capacidade da sala.
ENTRADAS
- O acceso para Micro-Escenas M² é gratuíto. Recomendamos reservar no correo electrónico fiot.microteatroentrada@gmail.com (indicando nome espectáculo, horario, nome e apelidos do espectador e teléfono de contacto).
- Ciclo OTNI do xoves: acceso libre ata completar
- Entradas FIOT33: COMPRAR ENTRADAS
Aviso: Na nosa aposta por ser un festival máis inclusivo, temos localidades reservadas para persoas con mobilidade reducida (para cadeiras de rodas, sen butaca física, e dispoñibles na plataforma de venda) e tamén para aquelas con dificultades auditivas ou visuais (venda na billeteira física previa reserva con antelación de 8 días no correo fiot@fiot.gal ou no teléfono 981 704 300 en horario de 10 a 14 h). As entradas que non se cubran poñeranse á venda na billeteira do Pazo da Cultura o mesmo día da función 90 minutos antes do seu inicio.