Skip to main content

A 33ª edición do Festival Internacional Outono de Teatro continúa a súa andaina este sábado 26 e o domingo 27 de outubro con dúas visións contemporáneas e moi libres de grandes clásicos de Eurípides e Shakespeare, que encherán o Programa de Sala no Pazo da Cultura, , coas últimas butacas para ‘Casting Lear’ aínda dispoñibles a través de Ataquilla.com

En ‘Casting Lear’ o actor protagonista na pel do Rei Lear é unha incógnita, xa que cambia en cada unha das representacións do espectáculo, polo que o nome do intérprete -que non coñece o texto ata unhas horas antes do inicio da función- será unha sorpresa para o público que a noite do sábado acuda ao FIOT a ver a obra, feito que supón toda unha experiencia escénica e que converteu ao espectáculo nunha das revelacións da temporada en España

A narración oral e o teatro documental e de obxectos fai a súa aparición no FIOT esta fin de semana coa singular creación de Laura Santos e a compañía Almealera ‘Una rueda que da vueltas’, unha delicatessen para non perder no marco do OTNI, que poderá verse o venres 25 de outubro, ás 21.00h, no Salón de Actos do Pazo da Cultura, con entradas aínda dispoñibles en Ataquilla.com e, o mesmo día da función, na billeteira do teatro

A Escola do Espectador nas Ondas de Onda FIOT propón este sábado 26, ás 16.30h, no Salón da TV do Pazo da Cultura, unha nova entrevista aberta ao público e gravada en podcast coa creadora Andrea Jiménez, guiada pola xornalista especializada de RNE Paloma Cortina

O público poderá gozar tamén cun Café con… Las Niñas de Cádiz, que compartirán unha conversa con moito humor e aberta a todos os espectadores o domingo 27, ás 18.00h, no Salón da TV do Pazo da Cultura, antes da representación do seu espectáculo ‘Las bingueras de Eurípides’

O FIOT en Ruta acollerá o domingo 27, ás 18.30h, a obra ‘Brokeback Sabucedo (paixón entre bestas)’, da compañía galega Sal do Teatro, no Centro Social de Verdillo, ás 18.30h

O Festival Internacional Outono de Teatro de Carballo, o FIOT, continúa a andaina da súa  33ª edición esta fin de semana con dúas novas propostas do seu Programa de Sala, que encherán de novo o Auditorio do Pazo da Cultura: o Casting Lear de Andrea Jiménez (sábado 26, ás 20.00h), coas últimas butacas dispoñibles a través da plataforma Ataquilla.com; e Las bingueras de Eurípides, de Las Niñas de Cádiz (domingo 27, ás 20.00h).

“Meu pai é Lear, pero nunca entrou nun teatro. Eu son Cordelia. E son directora de teatro. Como ela, vou buscar a Lear, voume atrever a miralo e vou intentar perdoar. E vouno facer desde un escenario. Cada noite, un actor distinto, será Lear, será meu pai, será un posible pai, un que si queira sentarse nun teatro a conversar”. Esta versión-simulacro é unha autoficción a partir dun clásico (ou un clásico autoficcionado) que investiga os cruces entre ficción e realidade para reflexionar sobre a paternidade, o amor e o perdón, nun brillante exercicio teatral tan valente como lúdico. Unha porta aberta para pensar sobre como nos relacionamos cos nosos pais, tanto os biolóxicos como os metafóricos, mesmo o propio Shakespeare, abordando a influencia do pasado e como os que nos preceden nos constrúen. Na adaptación contemporánea de Andrea Jiménez do Rei Lear de Shakespeare, teatro e performance mestúranse con humor e tenrura nunha proposta irreverente e innovadora, emocionante e intensa que abre un espazo de encontro con toda unha xeración de actores e homes, permitindo unha profunda reflexión sobre as relacións humanas e os roles paternos.

En Casting Lear o actor protagonista na pel do Rei Lear é unha incógnita, xa que cambia en cada unha das representacións do espectáculo, polo que o nome do intérprete -que non coñece o texto ata unhas horas antes do inicio da función- será unha sorpresa para o público que a noite do sábado acuda ao FIOT a ver a obra, feito que supón toda unha experiencia escénica e que converteu ao espectáculo nunha das revelacións da temporada en España. A súa creadora é a galega Andrea Jiménez, un valor en alza da creación escénica actual, directora de obras para importantes institucións teatrais e galardoada con premios como o Ojo Crítico de Teatro no 2019 pola compañía Teatro en Vilo, da que é fundadora.

Máis aló da exhibición do espectáculo, a Escola do Espectador nas Ondas de Onda FIOT propón este sábado 26, ás 16.30h, no Salón da TV do Pazo da Cultura, unha nova entrevista aberta ao público e gravada en podcast coa creadora Andrea Jiménez, guiada pola xornalista especializada de RNE Paloma Cortina.

Pola súa banda, Las Niñas de Cádiz aterran o domingo 27 no FIOT33 cunha versión moi libre e salvaxe de Las Bacantes, no que abordan a eterna loita entre a rixidez das normas e o pracer e a diversión. Con humor desenfreado, coplas, cancións, ritmo trepidante… xogan coa traxedia superpoñendo á vida cotián a dimensión mitolóxica, convertendo o espectáculo nunha festa. Con esta última obra, que colleita aplausos por toda España, a compañía reafirma o seu compromiso coa risa como ferramenta para abordar temas universais e coa fusión entre a tradición culta literaria e a cultura popular, o folclore, o flamenco e o carnaval da súa terra: Dionisio baixa á Terra en forma de muller para enfrontarse ao Suasenaguer, un policía que está empeñado en pechar un bingo ilegal de barrio, onde se reúne cada tarde un grupo de mulleres non só para xogar, senón tamén para compartir as súas intimidades, as súas penas, as súas alegrías, e algunha que outra copiña de anís. O seu compañeiro de traballo tentará disuadilo das súas intencións, mostrándolle que na vida ás veces hai que ser máis flexible e permisivo.

En paralelo, o público poderá gozar tamén cun Café con… Las Niñas de Cádiz, que compartirán unha conversa con moito humor e aberta a todos os espectadores o domingo 27, ás 18.00h, no Salón da TV do Pazo da Cultura, antes da representación da súa peza Las bingueras de Eurípides.

No marco do OTNI, a narración oral e o teatro documental e de obxectos farán a súa aparición esta fin de semana coa singular creación de Laura Santos e a compañía Almealera ‘Una rueda que da vueltas’, unha delicatessen para non perder nesta 33ª edición do festival, que poderá verse o venres 25 de outubro, ás 21.00h, no Salón de Actos do Pazo da Cultura, con entradas aínda dispoñibles a través da plataforma Ataquilla.com e, o mesmo día da función, na billeteira do teatro. “Cando tiña catro anos a miña familia restaurou un muíño de auga en ruínas. Trinta anos despois entrevistei á muller que moía naquel muíño cando era nena”. A creadora Laura Santos comezou así un proceso de entrevistas a muiñeiras, pastoras e gandeiros de Ávila. Esta historia, que se centra nun lugar, fala de moitos lugares máis. Una rueda que da vueltas é unha homenaxe a unhas vidas e a uns lugares. Un regalo de volta para non esquecelos. Feito con auga, terra, palla, gran e fariña, esta peza busca propiciar a participación e a transformación social mediante procesos artísticos con e desde as comunidades.

O Certame Micro-Escenas M2 chega a súa fin este sábado 26 (ás 12.00, 13.00, 18.00 e 19.00h) con dúas novas pezas en espazos no convencionais: Wasteland, de Vaiembora, en Ouvea Creatividade Gráfica; e Panos de vinaghre, de Artesa Cía, nun posto do Mercado municipal.

Finalmente, o FIOT en Ruta acollerá, o domingo 27, ás 18.30h, a obra Brokeback Sabucedo (paixón entre bestas), da compañía galega Sal do Teatro, no Centro Social de Verdillo, ás 18.30h. Sal do Teatro achéganos un espectáculo de temática LGTBIQ+ no ámbito rural de Galicia, concretamente, na celebración da Rapa das Bestas de Sabucedo. Trátase dun canto á diversidade e dunha homenaxe á tradición galega. Unha historia de amor prohibido e liberdade que nos convida a reflexionar sobre a aceptación, a valentía e o dereito a vivir en plenitude, sen importar as marxes impostas.

ENTRADAS

  • O acceso para Micro-Escenas M² é gratuíto. Recomendamos reservar no correo electrónico fiot.microteatroentrada@gmail.com (indicando nome espectáculo, horario, nome e apelidos do espectador e teléfono de contacto).
  • Entradas FIOT33: COMPRAR ENTRADAS

Aviso: Na nosa aposta por ser un festival máis inclusivo, temos localidades reservadas para persoas con mobilidade reducida (para cadeiras de rodas, sen butaca física, e dispoñibles na plataforma de venda) e tamén para aquelas con dificultades auditivas ou visuais (venda na billeteira física previa reserva con antelación de 8 días no correo fiot@fiot.gal ou no teléfono 981 704 300 en horario de 10 a 14 h). As entradas que non se cubran poñeranse á venda na billeteira do Pazo da Cultura o mesmo día da función 90 minutos antes do seu inicio.