Skip to main content

Desde o pasado luns, 30 de xuño, e até o domingo 13, no marco das Residencias Paraíso 2025, impulsadas polo Colectivo RPM, o bailarín e actor galego Bal Castro galego traballará na Costa da Morte na súa proposta Instinto Desexo

Trátase dun proxecto de corte autobiográfico no que fala da capitalización do seu corpo e do seu erotismo, da utilización da súa imaxe como principal medio para conseguir ser validado, sendo o sexo a súa moeda de cambio

Unha vez finalizada a súa residencia, o creador ofrecerá unha mostra aberta do seu traballo en proceso, que terá lugar en outubro no Pazo da Cultura de Carballo, no marco do 34º Festival Internacional Outono de Teatro de Carballo, o FIOT

Paralelamente, o artista participará, xunto ao resto de ‘Artistas Paraíso 2025’, nun encontro anual promovido polo Colectivo RPM que terá lugar os días 12, 13 e 14 de setembro na Illa de San Simón

Residencias Paraíso é un proxecto impulsado por RPM que conta co financiamento da Xunta de Galicia, a través da Axencia Galega das Industrias Culturais, e das distintas institucións coprodutoras do programa: Área de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua do Concello de Lugo, Concello de Vimianzo, Concello de Carballo, Concello de Corcubión, MIT (Concello de Ribadavia) e Fundación Cidade da Cultura de Galicia

O artista Bal Castro iniciou esta semana en Carballo a súa andaina na novena edición das Residencias Paraíso. As Residencias Paraíso son un programa anual de residencias artísticas para a danza e as artes vivas pioneiro no noso territorio, promovido polo Colectivo RPM. O Pazo da Cultura acolle, desde onte e até o domingo, 13 de xullo, a cuarta destas residencias artísticas de 2025, en torno á proposta do actor e bailarín galego Bal Castro que ten por título Instinto desexo, un proxecto de corte autobiográfico no que fala da capitalización do seu corpo e do seu erotismo, da utilización da súa imaxe como principal medio para conseguir ser validado, sendo o sexo a súa moeda de cambio.

Unha vez finalizada a súa residencia artística, Bal Castro ofrecerá unha mostra aberta do seu traballo en proceso, que terá lugar no mesmo Pazo da Cultura de Carballo no mes de outubro, no marco da celebración do Festival Internacional Outono de Teatro de Carballo, o FIOT. Paralelamente, o creador participará, xunto ao resto de ‘Artistas Paraíso 2025’, nun encontro anual promovido polo Colectivo RPM que terá lugar os días 12, 13 e 14 de setembro na Illa de San Simón.

SOBRE O PROXECTO

Instinto desexo é o primeiro traballo en solitario de Bal Castro, un proxecto de corte autobiográfico no que fala da capitalización do seu corpo e do seu erotismo, da utilización da súa imaxe como principal medio para conseguir ser validado, sendo o sexo a súa moeda de cambio.

En Instinto desexo, Bal Castro nos achega a unha proposta na que reflexiona sobre a proxección da súa imaxe nos outros, proxección que pode suscitar un desexo dependendo da persoa que a mire. Ese desexo convértese no motor que o move cara ao seu último obxectivo: a procura insaciable de amor.

Bal interpela ao espectador afirmando que todos temos un capital sexual que utilizamos consciente ou inconscientemente, que todos temos algo que nos fai desexables, e proponnos unha viaxe imaxinaria polos diferentes contextos nos que se inscribe esta búsqueda, explorando os distintos códigos de comunicación non verbais empregados, apuntando que calquer erro á hora de ler ditos sináis pode acarrear riscos de intensidades variables.

A través de Instinto desexo, Bal quere adentrarnos nas distintas sensacións físicas e pensamentos gardados na súa memoria corporal presentes neses encontros furtivos, onde o feito de camiñar e camiñar nos sitúa nunha búsqueda incesante no que descubrir diferentes corporalidades e calidades de movemento, convidándonos a reflexionar sobre a hipersexualización e a mercantilización da nosa imaxe e dos nosos corpos no noso contexto social actual.

SOBRE O ARTISTA

Bal Castro é un actor e bailarín formado en interpretación xestual na ESAD de Galicia. Tamén formado en danza contemporánea en Oficina Zero da man da coreógrafa e artista Mafalda Deville, Porto. Complementa a súa formación en danza contemporánea da man de Olga Cameselle. Actualmente forma parte do proceso creativo de danza contemporánea da man do colectivo ICODACO. No 2023 realiza as Residencias Paraíso xunto a Inés Santos co proxecto “TRANSPARENTAR”. Con este mesmo proxecto, no 2024 realiza a segunda residencia artística do mesmo proxecto nas Residencias Artísticas y Acción Cultural El Palacio, en Xixón.

Forma parte do elenco “Afectos” unha coprodución do Centro Coreográfico Gallego coa compañía Kirenia Danza. Non ano 2022 traballa no proxecto europeo “Antibullyng movement series erasmus” na cidade de Hildeshiem, Alemaña. Tamén formou parte da producción teatral do Centro Dramático Galego (CDG) 2020/2021 “Serva me, Servabote”. Forma parte da compañía do espectáculo “Agro 5G”, gañador do primeiro premio na categoría de teatro do Xuventude Crea 2021 coa compañía de teatro físico Mevadeus. En outubro de 2022 estrea “Outora Nós” coa mesma compañía onde gañan o terceiro premio ao espectáculo mellor valorado polo público na categoría público adulto no ano 2022 na programación VigoCultura. Xunto a Inés Santos crea ENÉSIMA, unha compañía compañía centrada nas artes do movemento que nace como un espacio de liberdade creativa no que poder expresar as súas inquedanzas artísticas.

MÁIS INFORMACIÓN SOBRE AS RESIDENCIAS PARAÍSO

Residencias Paraíso é un programa de residencias artísticas deseñado e coordinado por Colectivo RPM co apoio de numerosas institucións, en activo desde o ano 2017. A través dunha convocatoria anual, acompáñanse distintos proxectos en residencia de artistas galegas, estatais e portuguesas vinculadas á danza e as artes vivas en colaboración con distintos espazos de Galicia. Estes espazos acollen aos artistas en residencias de investigación, creación e técnicas.

A convocatoria anual das Residencias Paraíso publícase a comezos de ano e deixa aproximadamente un mes para a recepción de propostas. Está aberta a artistas galegas, estatais e portuguesas. As artistas seleccionadas na convocatoria realizan unha residencia de entre dúas e tres semanas no espazo de acollida e reciben unha dotación económica de entre 1.500 e 3.000 €, segundo as necesidades do proxecto. Paralelamente, en diálogo coas artistas, deséñase unha programación expandida específica para acompañar cada unha das residencias. Este concepto de programación expandida fai referencia aos desbordamentos naturais de cada proceso de creación cara á comunidade. Nalgúns casos, actívanse mostras abertas dos procesos, prácticas de corpo, grupos de traballo, laboratorios de creación, conferencias, etc.

Os proxectos seleccionados poden estar en distintas fases, é dicir, pódese participar cun proxecto de investigación, un proxecto de creación ou para realizar unha residencia técnica. Cada ano, no mes de setembro, organízase un encontro coas e cos artistas Paraíso da edición en curso na Illa de San Simón. Este encontro é unha convivencia de tres días, un espazo compartido entre artistas Paraíso, socias-amigas de Colectivo RPM, persoas vinculadas á rede de espazos colaboradores e profesionais independentes. Colectivo RPM documenta en vídeo cada un dos proxectos, xerando un arquivo histórico que se amplía ano tras ano.

Ao longo da súa historia, nas Residencias Paraíso participaron artistas e colectivos como Brigitte Vasallo, Clara Pampyn, Luísa Saraiva, Fernando Epelde, Marcia Vázquez, Natalia Fernandes, Hermanas Gestring, Diego Anido, Compañía Elahood, Andrea Quintana, Alejandra Balboa, María Roja, Laila Tafur, Furia Sotelo ou Sergio Marey, entre moitas outras.

Residencias Paraíso é un proxecto de Colectivo RPM en colaboración coa Xunta de Galicia, a través da Axencia Galega de Industrias Culturais. Está coproducido pola Área de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua do Concello de Lugo, o Concello de Vimianzo, o Concello de Carballo, Concello de Corcubión, a MIT (Concello de Ribadavia) e a Fundación Cidade da Cultura de Galicia. E conta cola colaboración do Centro Dramático Galego, O Vello Cárcere de Lugo, o FIOT – Festival Internacional Outono de Teatro de Carballo, o Pazo da Cultura de Narón e o Padroado da Cultura do Concello de Narón.

SOBRE O COLECTIVO RPM

Colectivo RPM é un colectivo de artistas vencellados á danza e ás artes vivas que imaxina, deseña e acompaña proxectos contextuais desde Galicia. Mantén un claro compromiso polo diálogo interinstitucional e co impulso de iniciativas ao redor da creación contemporánea, a investigación e a visibilidade da comunidade artística da danza e as artes vivas. Ademais do acompañamento de artistas e procesos, o colectivo tamén xera diálogos e accións coas comunidades locais para achegar a práctica artística á cidadanía.

Dentro das liñas de acción do Colectivo RPM destaca o programa Residencias Paraíso -construído cunha rede de teatros e espazos cómplices en Galicia- que lanza unha convocatoria anual para acoller en residencia a distintos artistas ao longo do ano, despregando unha serie de programacións expandidas abertas ao público. Este programa esténdese fóra de Galicia na liña Cruceiros Paraíso que posibilita abrir liñas de colaboración con outros espazos estatais e internacionais.