- O espectáculo dirixido por Cándido Pazó e protagonizado por Avelino González e Toni Salgado, poderase ver o venres 6 de outubro, ás 21.00h, e o sábado 7, ás 20.30h, no Pazo da Cultura
- Esta mañá tivo lugar o acto de presentación da estrea absoluta, no que participarono director do FIOT, Alberto Sueiro; o director e dramaturgo, Cándido Pazó; a coprodutora da obra, Belén Pichel; o alcalde de Carballo, Evencio Ferrero; e o equipo artístico do espectáculo
A 32ª edición do Festival Internacional Outono de Teatro, o #FIOT32, rende homenaxe á figura de Carlos Díaz ‘O Xestal’ coa estrea absoluta, esta fin de semana, do espectáculo Apaga o candil. A peza, coproducida por Contraproducións e o propio FIOT, está dirixida por Cándido Pazó e protagonizada por Avelino González e Toni Salgado. Apaga o candil poderase ver no Pazo da Cultura de Carballo o venres 6 de outubro, ás 21.00 horas, e o sábado 7, ás 20.30 horas. As entradas dispoñibles para o sábado 7 pódense adquirir a través da plataforma en liña Ataquilla.com. A función do venres é para as persoas que conten co bono de sala.
Esta mañá tivo lugar a presentación á prensa desta estrea absoluta. No acto participaron o director do FIOT, Alberto Sueiro; o dramaturgo e director da peza, Cándido Pazó; a coprodutora do espectáculo, Belén Pichel; o alcalde de Carballo, Evencio Ferrero; e membros do equipo artístico. Nun ano declarado polo Concello de Carballo como Ano do Xestal, coa implicación da institución municipal, o FIOT impulsa esta achega en forma de obra dramática coa vocación de realizar unha contribución que o poña en valor para as artes escénicas de Galicia e como colofón da efeméride. Tal e como salientou Alberto Sueiro, este espectáculo “é un proxecto longamente acariñado polo festival, pois consideramos necesario reivindicar a figura deste carballés de adopción pioneiro da narración oral”.
Os contos humorísticos do Xestal están arraigados na tradición rural e visibilizan os problemas sociais desde a sátira; conectárono coa sociedade converténdoo nunha querida figura da cultura popular galega dos últimos anos. Así, e cun pé no humor e outro na emoción, Candido Pazó, un dos dramaturgos galegos máis prestixiosos, narrador e admirador de Carlos Díaz ‘O Xestal’, achéganos en Apaga o candil ao contador de contos e tamén ás circunstancias complexas da súa vida, á necesidade de recoñecemento, ao seu compromiso, así como á dificultade histórica da posta en valor da cultura tradicional galega. “Eu conectei dende moi cativo co Xestal, ao poder escoitar na casa os seus contos, nos discos. É unha figura fundamental e sobre el poderianse facer moitos espectáculos, moi diferentes, mais o que queremos con este é que O Xestal sexa moito máis coñecido polo país adiante e que desde Carballo poidamos levar o seu enxeño a grandes e pequenos escenarios de moitas vilas”, apuntou Pazó. Así, Apaga o candil contará, logo do seu paso polo Pazo da Cultura, cunha xira por Galicia e, grazas á colaboración do Centro Dramátigo Galego (CDG), tanto nas funcións de Carballo como nas seguintes, o espectáculo irá acompañado da tradución á lingua de signos a través dun vídeo inclusivo.
Alén da súa presenza do Programa de Sala, o espectáculo forma parte tamén da programación do FIOTeen -a liña de programación do FIOT dedicada á mocidade-, de xeito que contará cunha preestrea, con público dos centros de ensinanza de Carballo, que terá lugar este mércores, 4 de outubro, ás 11.00h, no mesmo escenario do Pazo da Cultura.
Ademais, ao remate da función do venres 6 de outubro, farase entrega do Premio do Público FIOT 2022 á compañía Contraproducións polo espectáculo Cigarreiras.
Apaga o candil, fábula teatral para dous actores
O tempo da ficción dramática sitúase no intre do derradeiro alento do Xestal, finado á idade temperá de 59 anos. No lusco e fusco entre a vida a morte. A peza toma como punto de inspiración estrutural e argumental os clásicos contos da visita da morte, unha tipoloxía de historias tradicionais universais que responden a un esquema máis ou menos semellante: un personaxe topa coa morte que lle vén anunciar que o seu final é inminente; o personaxe fai todo o que pode por enganar a morte e librarse do seu lúgubre designio, afán que acaba por resultar fatidicamente inútil. Na tradición galega este tipo de contos tenden a estar revestidos por unha pátina de humor e retranca que relativizan o seu carácter tráxico.