Esta fin de semana, o Festival Internacional Outono de Teatro de Carballo, o FIOT, inaugura o seu Programa de Sala coa estrea absoluta de Mulleres que viven soas #MQVS, o sábado 5 de outubro, ás 20.00h, no Auditorio do Pazo da Cultura de Carballo.
Antes, o mesmo sábado 5, ás 13.00h, terá lugar a primeira sesión deste 2024 de Onda FIOT, Escola do Espectador nas Ondas. Neste 2024, regresan as conversas escénicas e culturais cos equipos artísticos dos espectáculos programados no FIOT. Cada sesión, arredor dun café ou vermú, ten entrada libre e estará guiada por un xornalista especializado. As entrevistas son gravadas en vivo para ser logo escoitadas á carta, en formato podcast, sempre que o público o desexe na nosa web. A primeira sesión xirará ao redor de Mulleres que viven soas #MQVS e narración oral, coa participación de Paula Carballeira, María da Pontragha, Vero Rilo, Avelino González e Cándido Pazó. Moderan os xornalistas Dani Galindo e Raúl Losánez. Será no Pazo da Cultura de Carballo (andar 0, Salón Social) e con entrada libre ata completar.
Ademais, a Praza do Concello de Carballo será testemuña a tarde deste venres, 4 de outubro, da función para toda a familia da compañía Pedras de Cartón: Moby Dick, o seu novo espectáculo de rúa, sen apenas palabras, onde a comedia e unha posta en escena impresionante capturan a esencia dunha historia que atrapa a toda a familia. A compañía é recoñecida pola adaptación de clásicos da literatura ás novas linguaxes e estéticas, para achegar o teatro clásico aos máis novos, polo que obtiveron a Mención Especial no Festival de Almagro e varios nomeamentos aos Premios María Casares. A entrada é libre.
Pola súa banda, a Rúa dos Contos regresa aos bares de Carballo este mesmo venres, cunha dobre sesión: Contos entre cordas (ás 21.00h no Casino 1889) e Instruccións para tomar café (ás 23.00h, no Cafe Colón). A terceira cita coa Rúa dos Contos será mañá, sábado, cun concerto de Carta de Axuste, onde tocarán a xeito de parodia O mellor e peor dos 80 e 90 (23.00h en Taberna O Patacón).
Finalmente, da man de Camiño Escena Norte, o FIOT33 acollerá o domingo 6 de outubro, ás 20.00h, no Pazo da Cultura de Carballo, a función de Estefanía de Paz Asín ‘Olvido Flores’, dentro do OTNI (Obxecto Teatral non Identificado). En xullo de 1936 o Circo Anastasini chega a Lodosa, en Navarra, e os seus membros desaparecen sen deixar rastro. Din que algúns foron fusilados e que o resto se viron obrigados a entreter á tropa. ‘Olvido Flores’ conta unha historia de amarga beleza, poesía, circo e guerra; unha homenaxe á memoria e ao recordo. Estefanía de Paz rescata relatos que cobran vida a través de obxectos convertidos en personaxes que contan o que pasou naquela escura noite, iluminando a súa historia, a nosa historia. A intérprete e creadora é unha artista multidisciplinar que combina o seu traballo con outras compañías coas súas creacións propias.