Skip to main content

O Festival Internacional Outono de Teatro de Carballo publica a nova convocatoria desta iniciativa de teatro de proximidade, a primeira creada en Galicia, que busca visualizar novos formatos e experiencias escénicas, así como apoiar a compañías e creadores emerxentes

As propostas -pezas de pequeno formato, de entre 10 e 20 minutos, creadas a medida para espazos non convencionais, cun máximo de 25 espectadores- poden presentarse até o 23 de xuño a través do correo electrónico fiot.microteatro@gmail.com

O xurado, integrado por profesionais vinculados ao sector das artes escénicas, seleccionará de 4 a 6 propostas gañadoras, que se darán a coñecer antes do día 10 de agosto e recibirán unha compensación económica de 450 euros, unha vez representadas

As obras seleccionadas neste Certame Micro-Escenas M2 serán exhibidas no FIOT entre o 5 e o 27 de outubro, onde serán valoradas polo público asistente mediante un sistema de votacións e optarán a premios de 150€ á Mellor Interpretación e ao Mellor Espectáculo

O mundo derrúbase e nós tomamos chocolate, da Compañía Accidental, foi a peza gañadora da pasada edición © Vanessa Rábade

O mundo derrúbase e nós tomamos chocolate, da Compañía Accidental, foi a peza gañadora da pasada edición © Vanessa Rábade

O Festival Internacional Outono de Teatro de Carballo abre a convocatoria para participar na nova edición do Certame Micro-Escenas M2, unha das súas principais liñas de programación e que ofrece ao público a posiblidade de gozar de creacións escénicas experimentais en espazos non teatrais e singulares da localidade.

O Micro-Escenas Metro Cadrado, o primeiro certame de microteatro que se realiza en Galicia, naceu ao abeiro do FIOT a pasada década como unha proposta específica de apoio á creación escénica de novos formatos e de compañías ou creadoras e creadores emerxentes. As e os artistas son quen de xerar, no marco dun gran festival, novas experiencias teatrais, de pequeno formato, en contextos non habituais para a representación escénica, que contextualizan e serven de escenografía natural da obra, nos que un número moi limitado de asistentes se sitúa a curta distancia dos intérpretes. Así, á vez que difunde e visualiza o traballo das creadoras, Metro Cadrado ofrece cada ano ao público da comarca unha nova experiencia escénica, diferente ás habituais nos recintos: sen barreiras, sen artificios e desde a proximidade, que posibilita a captación de novos públicos e a implica á veciñanza en proxectos escénicos.

Neste mes de maio, o FIOT abre a inscrición da oitava edición do certame, no que convida ás compañías e artistas emerxentes a crear ou deseñar un espectáculo (de teatro físico, música, clown, performance, danza, manipulación de obxectos…) de entre 10 e 20 minutos, que se poida poñer en escena, especificamente, nun espazo non teatral entre o 5 e o 27 de outubro de 2024.

Neste 2024, os espazos ofertados serán un balcón do Concello de Carballo para ver o espectáculo desde a rúa, un parque-ximnasio para maiores, un espazo cultural, os probadores dunha tenda de moda, un posto do mercado de abastos, a Fonte da Cristina, unha xoiaría, unha tenda de fotografía, sala de mindfullness dun centro de psicoloxía e un estudo de deseño gráfico.

As propostas poderán ser tanto pezas orixinais coma xa estreadas, aínda que o xurado do certame (composto por diferentes persoas relacionadas coas artes escénicas) terá en conta a nova creación e, especialmente, a adecuación e a interacción cos espazos ofertados e a autoría propia. Ademais, atendendo ao interese do FIOT nos proxectos e experiencias teatrais singulares que fan un uso innovador de cultura dixital e a tecnoloxía, teranse en conta aquelas obras que empreguen medios dixitais.

As pezas seleccionadas polo xurado, unha vez representadas, recibirán unha compensación económica de 450€. Ademais, todas as obras exhibidas serán valoradas polo público asistente mediante un sistema de votacións e optarán a premios de 150€ á Mellor nterpretación e ao Mellor Espectáculo. O prazo de presentación de solicitudes, que se pode facer a través do correo electrónico fiot.microteatro@gmail.com, rematará o 23 de xuño.

Bases VIII Certame de Micro-Escenas M2

https://fiot.gal/wp-content/uploads/2024/05/Bases_MetroCadrado_2024.pdf

Folla inscrición VIII Certame de Micro-Escenas M2

https://fiot.gal/wp-content/uploads/2024/05/Anexo_inscricion_MetroCadrado_2024.pdf