Skip to main content

O Festival Internacional Outono de Teatro de Carballo publica a nova convocatoria desta iniciativa de teatro de proximidade, a primeira creada en Galicia, que busca visualizar novos formatos e experiencias escénicas, así como apoiar a compañías e creadores emerxentes

 As propostas -pezas de pequeno formato, de entre 10 e 20 minutos, creadas a medida para espazos non convencionais, cun máximo de 25 espectadores e, prioritariamente, en lingua galega- poden presentarse até o 20 de xuño a través do correo electrónico fiot.microteatro@gmail.com

 O xurado, integrado por profesionais vinculados ao sector das artes escénicas, seleccionará de 4 a 6 propostas gañadoras, que se darán a coñecer antes do día 10 de agosto e recibirán unha compensación económica de 450 euros, unha vez representadas

As obras seleccionadas neste Certame Micro-Escenas M2 serán exhibidas no FIOT entre o 3 e o 26 de outubro, onde serán valoradas polo público asistente mediante un sistema de votacións e optarán a premios de 150€ á Mellor Interpretación e ao Mellor Espectáculo

As representacións terán lugar en localizacións singulares da localidade bergantiñá: un balcón do Concello de Carballo para ver o espectáculo desde a rúa, un parque-ximnasio  para maiores, unha xoiaría, unha tenda de fotografía, unha libraría, un coworking, unha aula de informática, unha residencia xeriátrica e unha terraza

XI CERTAME MICRO-ESCENAS METRO CADRADO

Carballo, 6 de maio de 2025.- O Festival Internacional Outono de Teatro de Carballo abre a convocatoria para participar na nova edición do Certame Micro-Escenas M2, unha das súas principais liñas de programación e que ofrece ao público a posiblidade de gozar de creacións escénicas experimentais en espazos non teatrais e singulares da localidade.

O Micro-Escenas Metro Cadrado, o primeiro certame de microteatro que se realiza en Galicia, naceu ao abeiro do FIOT a pasada década como unha proposta específica de apoio á creación escénica de novos formatos e de compañías ou creadoras e creadores emerxentes. As e os artistas son quen de xerar, no marco dun gran festival, novas experiencias teatrais, de pequeno formato, en contextos non habituais para a representación escénica, que contextualizan e serven de escenografía natural da obra, nos que un número moi limitado de asistentes se sitúa a curta distancia dos intérpretes. Así, á vez que difunde e visualiza o traballo das creadoras, Metro Cadrado ofrece cada ano ao público da comarca unha nova experiencia escénica, diferente ás habituais nos recintos: sen barreiras, sen artificios e desde a proximidade, que posibilita a captación de novos públicos e a implica á veciñanza en proxectos escénicos.

Neste mes de maio, o FIOT abre a inscrición da novena edición do certame, no que convida ás compañías e artistas emerxentes a crear ou deseñar un espectáculo (de teatro físico, música, clown, performance, danza, manipulación de obxectos…) de entre 10 e 20 minutos, que se poida poñer en escena, especificamente, nun espazo non teatral entre o 3 e o 26 de outubro de 2025.

Neste 2025, os espazos ofertados serán un balcón do Concello de Carballo para ver o espectáculo desde a rúa, un parque-ximnasio para maiores, unha xoiaría, unha tenda de fotografía, unha libraría, un coworking, unha aula de informática, unha residencia xeriátrica e unha terraza.

As propostas poderán ser tanto pezas orixinais coma xa estreadas, prioritariamente, en lingua galega, aínda que o xurado do certame (composto por diferentes persoas relacionadas coas artes escénicas) terá en conta a nova creación e, especialmente, a adecuación e a interacción cos espazos ofertados e a autoría propia. Ademais, atendendo ao interese do FIOT nos proxectos e experiencias teatrais singulares que fan un uso innovador de cultura dixital e a tecnoloxía, teranse en conta aquelas obras que empreguen medios dixitais.

As pezas seleccionadas polo xurado, unha vez representadas, recibirán unha compensación económica de 450€. Ademais, todas as obras exhibidas serán valoradas polo público asistente mediante un sistema de votacións e optarán a premios de 150€ á Mellor nterpretación e ao Mellor Espectáculo. O prazo de presentación de solicitudes, que se pode facer a través do correo electrónico fiot.microteatro@gmail.com, rematará o 20 de xuño.

288 PROPOSTAS EXPERIMENTAIS RECIBIDAS EN OITO ANOS

Ao longo dos seus primeiros oito anos de traxectoria, o Certame de Micro-Escenas M2 acadou un importante éxito en canto ás propostas recibidas, tanto polo seu número (288) como pola calidade e diversidade das pezas; sendo quen de suscitar o interese tanto de creadores individuais coma de equipos (integrados por 3-5 persoas), da veciñanza ou mesmo dos axentes económicos, comerciais ou cidadáns de Carballo que colaboraron coa cesión de espazos. Nestes primeiros oito anos de actividade, M2 contou con funcións, entre outros puntos, nun lavadoiro municipal, no despacho do alcalde, nunha barbería, nunha perruquerría, nas fiestras da Ludoteca Municipal ou mesmo no Salón de Plenos.

No 2024, o FIOT recibiu un total de 44 propostas para participar no Micro-Escenas M2, tanto de profesionais destacados da escena galega como de colectivos ou agrupacións de afeccionados. As seis pezas finalistas seleccionadas para o #33FIOT (das cales, 4 eran estreas absolutas) foron: Respira, de Sempre Arriba; Cronopios a escena, de Carmen Domech; Rebel Rebe, de Vórtice Escénico; Wasteland, de Vaiembora; Teño un caravel no peito, de Aviva-lo; e Panos de Vinaghre, de Artesa Cía. Finalmente foi Respira, da Compañía Sempre Arriba, a peza que recibiu o recoñecemento como mellor espectáculo no #33FIOT, cunha puntuación de 4,79 sobre 5 outorgada polo público asistente, mentres que Laura Villaverde, de Artesa Cía., foi a galardoada co premio á mellor interpretación do Certame Micro-Escenas M2 polo espectáculo Panos de vinaghre, cunha puntuación de 4,58 sobre 5.