O FIOT regresa as táboas logo dun ano “en pausa”. O Festival Internacional Outono de Teatro de Carballo, o FIOT, retomará este outono a súa habitual programación de espectáculos e actividades na comarca bergantiñana para celebrar unha edición moi especial: a 30ª.
O festival, unha referencia en Galicia e no Estado polo seu traballo a prol da creación de novos públicos e fortalecemento da escena, manterá viva a chama da posta en valor e recoñecemento de figuras imprescindibles do sector cultural galego. É o caso de Casilda García Alfaro. A actriz recibirá o este ano o premio Xograresa de Outono, galardón que salienta a traxectoria de profesionais das artes escénicas e que outorgan os premiados de anteriores edicións. Nesta ocasión, as xograresas e xograreses do FIOT decidiron premiar a calidade de García Alfaro como intérprete, así como o seu compromiso empresarial e noutros ámbitos da escena, como é o seu papel na organización da Mostra de Cangas ou mesmo na Revista Galega de Teatro. Deste xeito, Silda, como é coñecida no sector, recollerá este outono o testigo do escenógrafo Carlos Alonso, galardoado no FIOT en pausa do pasado 2020.