Skip to main content

O galardón, que pretende salientar a traxectoria de profesionais das artes escénicas galegas co recoñecemento de figuras imprescindibles do sector de xeito anual, entregarase durante a celebración da 32ª edición do Festival Internacional Outono de Teatro de Carballo en outubro

O xurado destacou a Romaní “polo seu vínculo único co FIOT, así como pola súa inestimable labor na promoción da cultura, a radio e o teatro galegos, impulsando formatos propios e cun forte compromiso social. Ana Romaní é unha muller de teatro, incansable defensora da cultura galega e do galego, cunha extensa e recoñecida traxectoria que a levou a alzarse co Premio Nacional de Periodismo Cultural en 2018”

O Festival Internacional Outono de Teatro de Carballo, o FIOT, outorgará este 2023 o premio Xograresa de Outono a Ana Romaní. Deste xeito, o encontro, unha cita de referencia en Galicia e no Estado polo seu traballo a prol da creación de novos públicos e o o fortalecemento da escena, mantén viva a chama da posta en valor e o recoñecemento de figuras imprescindibles do sector cultural galego, coa entrega anual dun galardón que quere salientar a traxectoria de profesionais das artes escénicas.

Nesta ocasión, as xograresas e xograreses do FIOT decidiron premiar á escritora e xornalista Ana Romaní. No seu fallo, o xurado destacou “a súa labor inestimable na promoción da cultura, a radio e o teatro galegos, impulsando formatos propios e mostrando un forte compromiso social. Ana Romaní é unha muller de teatro, incansable defensora da cultura galega e do galego, e que acredita unha extensa e recoñecida traxectoria que a levou a alzarse, entre moitos outros galardóns, co Premio Nacional de Periodismo Cultural en 2018”.

Con este galardón, o FIOT abre o espectro do premio a novos sectores vinculados ás artes escénicas, como é o da comunicación, poñendo en valor a súa relevancia e necesaria labor para o coñecemento e a consolidación das artes escénicas. O FIOT quere recordar e agradecer tamén con este premio o vínculo tan especial que Ana Romaní ten con festival xa desde os seus inicios. Foi ela quen chamou ás portas do FIOT xa na súa primeira -e moi humilde- edición, para darlle espazo e cabida no seu prestixioso Diario Cultural, que desde aquel ano repetiu edición a edición a súa valiosa cobertura da cita escénica carballesa. Ana Romaní foi a primeira xornalista en darlle voz ao FIOT e, desde entón, o seu vínculo nunca se rompería.

Para os pasados xograres e xograresas de outono responsables da elección de Romaní como premiada neste 2023, resulta moi significativo e salientable que cando o teatro apenas tiña espazo nos medios de comunicación, ela sempre buscou darlle visibilidade, outorgándolle voz e debate ás compañías, artistas e citas escénicas de Galicia. Romaní recollerá o seu galardón este outono en Carballo, durante a celebración da nova edición do FIOT, o testigo do cómico Evaristo Calvo, premiado en 2022.

SOBRE ANA ROMANÍ

Escritora e xornalista, Ana Romaní é autora das obras Palabra de Mar (1987), Das ultimas mareas (Espiral Maior, 1994), Arden (Espiral Maior, 1998), Love me tender. 24 Pezas mínimas para unha caixa de música (Poeta en Compostela, 2005), Estremas (Galaxia, 2010) -Premio AELG 2011 de Poesía, Premio Ánxel Casal ao Libro de Poesía do 2010 nos Premios da Edición da AGE e Premio de Creación Literaria dos Premios da Crítica Galicia 2011-, A desvértebra (Chan da pólvora, 2020) -Premio Follas Novas de Poesía 2021, Premio da Crítica da Asociación de Críticos Literarios Españois 2021-, Marmelada de amoras (col. Biblioteca Nova 33, 1997) e Táctil resonancia. Da derrota dun esplendoroso veleiro, as voces flotantes e os cantos das baleas (discurso de ingreso na Real Academia Galega, 2019). No poético, desenvolve distintos proxectos vinculados á dicción e o oral do poema e a súa expresión no espazo público, entre eles,  Lob*s, (1998) con Antón Lopo; Estalactitas (2002), con Anxos Romeo e Lupe Gómez; Catro poetas suicidas. Intervención poética contra a levidade (2002), en solitario; A voz e o poema. Os periplos de Aviles de Taramancos (2003), con Anxo Quintela; Unha delas (arredor de Anne Sexton) (2015); 2% un recital para esquecer (2019); Audiografías da Desvértebra (2020;) e A desvértebra. Recital poético sonoro (2021), con Chus Silva.

Desde 1990 ata xuño de 2018 dirixiu na Radio Galega o programa Diario Cultural, un espazo diario de información cultural, recoñecido, entre outros, cos galardóns: Premio ao Fomento da Lectura na modalidade de radio da Federación de Gremios de Editores de España (2007), Premio de Honra Abrente da Mostra Internacional de Teatro de Ribadavia 2013 e Premio do Publico Culturgal 2014.

Polo seu labor profesional recibiu, entre outros ,o Premio Atlántida á xornalista radiofónica do Gremi de Editors de Catalunya (2008), o Premio de Honra Marisa Soto da Asociación de Actores e Actrices de Galicia (2009), o Premio Xiria da Mostra de Teatro Cómico Festivo de Cangas (2011), o Premio Follas Novas da Gala do Libro Galego á Traxectoria Xornalismo Cultural (2018), o Premio da Crítica Galicia a Iniciativas Culturais (2018) e o Premio Nacional de Periodismo Cultural (2018).

Interesada pola permeabilidade da radio ás escritas literarias e ás dinámicas da creación contemporánea desde o Diario Cultural e ao longo dos 28 anos que o dirixiu promoveu e coordinou distintas iniciativas que,  mais aló da emisión diaria, concretaron, entre outros, os proxectos: Narradio. 56 historias no ar (2003), De Cantares Hoxe Os Cantares Gallegos de Rosalía de Castro no século XXI (2013) e o Premio Diario Cultural de Teatro Radiofónico (desde 2006 ata 2018), ademais da colección homónima de libros-CD con 11 volumes e preto de 40 obras inéditas publicadas coas súas correspondentes adaptacións radiofónicas.