O Festival Internacional Outono de Teatro de Carballo inicia este sábado a súa 31ª edición cunha fin de semana marcada polo protagonismo absoluto da narración oral galega, co inicio da XXIII edición do ciclo Rúa dos Contos, que este ano regresa aos bares e rende homenaxe ao cómico Pedro Brandariz, e pola estrea absoluta de creacións como ‘Os contos de William Shakespeare’, de Pedras de Cartón, ‘Wombo Combo’, de Galeatro, ou ‘Patrón’, de Alberte Montes. Ademais, o público infantil tamén poderá gozar de ‘Poi’, o primeiro dos espectáculos do ciclo de artes circenses Teatro de Rúa, ou da Gala NOGA de narración oral para público familiar que acollerá o mercado municipal na mañá do domingo 2.
O FIOT comezará coa programación especial para nenas e nenos: o Fiotiño. A compañía galega Pedras de Cartón estreará a súa nova peza, ‘Os contos de William Shakespeare’, na Bibllioteca Rego da Balsa. O actor e director Juan Rodríguez presenta unha delirante serie de contos do bardo inglés adaptados para toda a familia, nunha función na que mestura comedia, narración oral, o teatro de obxectos e as instalacións artísticas. De seguido, ás 19.30 horas, será a quenda da primeira das funcións deste ano do ciclo Teatro de Rúa. O prestixioso malabarista Guillem Vizcaíno dará boa conta da súa virtuosa capacidade no manexo da buxaina en ‘Poi’, espectáculo recentemente estreado pero que xa conta con diversos premios, e no que fusiona as artes do circo co humor e co xogo. Unha proposta que deixará abraiado ao público que se achege até a Praza do Concello.
Xa pola noite, dará comezo a nova edición da Rúa dos Contos, marcada este ano polo regreso aos bares logo da pandemia. A primeira cita será ás 21.00 horas nunha das sedes clásicas do FIOT, o Casino 1889, e suporá a estrea absoluta de ‘Patrón’, a nova peza de Alberte Montes. O actor, cómico e monologuista abordará o proceso que el mesmo nomea como ‘empatronamento’, a súa conversión de mozo a patrón, caracterizado polos tics e manías que lle van marcando o camiño a medida que medra. De seguido, contra ás 23.00 horas, a polifacética Marta Doviro abordará as ‘Memorias dunha rapasa da costa’, no que retrata o seu periplo polas distintas vilas nas que viviu para retratar o carismático carácter das súas xentes, curiosas vivencias e historias de piratas.
A xornada do sábado 1 de outubro vivirá un dos momentos máis especiais, sen dúbida, desde FIOT31. O mercado municipal acollerá Gala Homenaxe a Pedro Brandariz, unha cita en memoria dun cómico fundamental para a escena galega, e que sempre estivo vinculado ao FIOT, tanto como comediante coma espectador. A cita enmárcase, precisamente, no ciclo no que Pedro ten participado ao longo de moitos anos co seu humor: a Rúa dos Contos. A gala, que presentarán Isabel Risco e Fran Rei, contará coas actuacións e intervencións de Izquierdo Sisters, Víctor Grande, Javi Sega, Caxoto, As fillas de Portaberta, Pablo Díaz, Se masca la Comedia e Diana Sieira. A recadación desta noite de contos, que comezará ás 21.00 horas, destinarase precisamente a un dos proxectos máis queridos por Pedro: Pallasos en Rebeldía.
Xa pola noite, a partir das 23.30 horas, a Rúa dos Contos continuará nos locais de hostalería de Carballo. Nesta ocasión será na Taberna O Patacón, na que se darán altas doses de teatro, clown e moita improvisación da man de Blues do País, o dúo conformado por Diva Rural (Iseo Agilda) e Pepe King (Brais das Hortas).
Funcións infantís e improvisación na xornada do domingo 2
O domingo 2 o mercado volverá gozar dunha sesión de contos, desta volta dirixidos ao público máis cativo, a través das voces do Colectivo NOGA. Precisamente durante esta fin de semana o grupo celebrará, no marco do FIOT31, a Asemblea Constituínte da Asociación Cultural, Social e Educativa Galega de Narración Oral NOGA -xornada do sábado 1 no Pazo da Cultura-. A función colectiva para público familiar da mañá do día 2 será o ramo a unha fin de semana de intensa actividade para NOGA. A cita, cuxa entrada será libre, comezará ás 12.30 horas.
A actividade da programación especial do Fiotiño desta fin de semana finalizará o domingo 2, ás 18.00 horas, coa estrea absoluta de ‘Wombo Combo’, unha coprodución do FIOT coa compañía carballesa Galeatro, e que se enmarca tamén na programación especial dirixida ao público infantil: Fiotiño. A nova obra de Galeatro achéganos -a través dunha dramaturxia de Paula Carballeira- ao acoso escolar e á realidade virtual que invade cada vez máis a vida da rapazada. O espectáculo, recomendado para maiores de 5 anos, conta coa interpretación de Alba Bermúdez, Tone Martínez e Mario Rodríguez.
Finalmente, a tarde do día 2 a Rúa dos Contos espallarase por tres localizacións diferentes. Ás 17.30 horas, Marta Iglesias ofrecerá un espectáculo humorístico de improvisación na residencia de maiores da Praza de Vigo. Trátase da versión curta que ofrecerá de ‘3…2…1… Impro!!’, a partir das 20.00 horas, co cómico Tito Rober. A cita será na Cafetería Valle-Inclán.
O peche de programación desta primeira fin de semana do FIOT xornada virá da man de Vicente Mohedano, que presentará a súa creación ‘Habito Terra’, unha proposta na que mestura teatro, divulgación científica e humor para poñer en valor a importancia da comunidade. Este será o primeiro dos dous espectáculos que o FIOT ofreza este ano con intérprete de lingua de signos, na súa aposta por ser cada vez, paseniño, un festival máis inclusivo e accesible a todos os públicos.