- O Festival Internacional Outono de Teatro de Carballo tamén acolle dúas estreas absolutas na Rúa dos Contos: A parábola do angazo, de Talía Teatro, presentada esta mañá no Pazo da Cultura, e Desta sairemos mellores, de Ángela Triana
- Os bonos para o Programa de Sala esgotáronse á hora de saír á venda e mañá xoves, 30 de setembro, o FIOT activa a venda das entradas individuais e dobres a través de ataquilla.com para a liña da programación da que sairá o espectáculo gañador do Premio do Público
A 30ª edición do Festival Internacional Outono de Teatro de Carballo afronta a súa primeira fin de semana de outubro con tres estreas absolutas e a apertura do Programa de Sala da man dunha das compañías máis queridas polo público de Carballo: a Cía. Manolo Alcántara presentará Déjà vu, peza gañadora do FETEN 2021 á adaptación de técnicas circenses á nova dramaturxia. Circo, música en directo, teatro de obxectos, monicreques, danza, teatro, clown… conflúen na maxistral Déjà vu, o espectáculo de apertura do Programa de Sala, unha proposta apta para todos os públicos que se poderá ver no Pazo da Cultura, a partir das 20.30 horas deste sábado 2. Gran destreza física, e unha potente linguaxe visual e sonora, conforman o fascinante universo construído polo artista e artesán Manolo Alcántara, un referente nacional do novo circo.
Mais a fin de semana comezará coa estrea absoluta de O espello que arde (venres 1 de outubro, ás 19.00 e 20.00h), o proxecto protagonista da segunda edición do FIOT Fónico, a liña de programación coa que o certame experimenta con novas linguaxes e conxuga as artes escénicas co espazo urbano: o FIOT Fónico procura introducir á cidade no teatro a través das posibilidades que
ofrecen as novas ferramentas tecnoloxicas. Así, o espazo público de Carballo torna en protagonista da escenografía dunha peza de trama policíaca que se pode escoitar a través de dispositivos móbiles e que, nesta ocasión, é obra de María Lado.
O espello que arde é unha sorte de ‘spin-off’ de A lúa, válvula de spray, o espectáculo que abriu o pasado 2020 o FIOT Fónico, e que parte da personaxe de Leo (interpretada por Santi Romay). Unha sucesión de feitos, cunha investigación policial polo medio, conforman a trama desta función sonora. A estrea absoluta de O espello que arde, que terá lugar nunha sesión especial o venres 1 ás
19.00 horas, contará coa participación do director e responsable do espazo sonoro, Marcos PTT, a autora, María Lado, o director, Quico Cadaval, e algúns dos intérpretes desta experimentación sonora. As funcións desta nova peza do FIOT Fónico terán lugar todos os venres e sábados de outubro, ás 19.00 e 20.00h, así como os domingos e festivos do mes (día 12), ás 13.00 e 19.00h.
A nova edición do FIOT Fónico acompañarase, tamén, da recuperación da primeira edición, presentada o pasado outono: A lúa, válvula de spray, unha dramaturxia de Rosalía Fernández Rial dirixida por Quico Cadaval e que contou, no seu reparto, con Melania Cruz, María Roja e o propio Santi Romay. O público terá á súa disposición esta peza nos seus dispositivos móbiles, de forma
gratuíta a través da app Carballo a un paso, e poderá realizar o paseo sonoro de xeito individual e sen necesidade de solicitar cita previa.
Estreas na Rúa dos Contos
Por outra banda, a proposta máis atrevida e retranqueira do FIOT, a Rúa dos Contos, contará esta fin de semana con dúas estreas absolutas: Desta sairemos mellores, que Ángela Triana interpretará o 1 de outubro, ás 21.00h, no Espazo Xove de Carballo; e A parábola do anganzo, de Talía Teatro, que a compañía presentou esta mañá no Pazo da Cultura acompañada polo director do
FIOT, Alberto Sueiro, e o concelleiro de Cultura de Carballo, Marcos Trigo.
A peza (que poderá verse o sábado 2, ás 22.00h, e o domingo 3, ás 19.00h, no Salón de Actos do Pazo da Cultura) parte dunha recollida polo Padre Sarmiento no século XVIII, na que un mozo que emigra a Castela, á súa volta ao fogar, esquece a súa lingua nai: o galego. Talía Teatro leva a escena unha comedia para público xuvenil e adulto dirixida por Diego Rey e protagonizada por Artur Trillo e Toño Casais, na que os dous intérpretes farán unha viaxe pola historia da nosa lingua, a través dun diálogo fluído e cargado de humor, enlazando episodios do noso pasado para explicar o que sucede no noso presente. Precisamente Talía Teatro -compañía gañadora do Premio do Público 2010- desenvolveu, nas últimas semanas, unha residencia no Pazo da Cultura para a preparación deste novo espectáculo, unha proposta áxil e versátil, con textos de Araceli Gonda, Sechu Sende, Ana Carreira ou María Lado, entre outras voces. Ademais, tal e como recordou Alberto Sueiro, A parábola do angazo será o eixo da programación do FIOTeen, dirixido especificamente aos adolescentes da comarca e que se desenvolverá nas últimas semanas de outubro.
O programa da Rúa dos Contos para esta fin de semana completarase con funcións de Sexo débil, o carallo!, de Arantxa Treus (día 1, no Casino 1889, ás 23.00 horas) e Camiños, de Paula Carballeira (domingo 3, ás 20.00 horas, no Mercado Municipal).
Comeza Teatro de Rúa
Este venres, 1 de outubro, tamén dará comezo outra das liñas de programación do FIOT abertas a todos os públicos: Teatro de Rúa, o programa de artes escénicas e artes circenses que se espalla polas rúas de Carballo. A compañía galego-arxentina A Vela Circo será a responsable de presentar ao público o seu primeiro espectáculo A corda, cunha orixinal e divertida posta en escena ateigada de circo do absurdo, caos, humor e poesía para toda a familia.