Skip to main content

A asociación carballesa alzouse co segundo galardón da presente edición do certame, dotado con 2.000 euros e destinado a persoas voluntarias ou colectivos afeccionados, polo seu programa comprometido coas artes escénicas e cos proxectos teatrais de máis prestixio ao longo de máis de tres décadas de existencia

 

 

A Asociación Cultural Telón e Aparte, organizadora do Festival Internacional Outono de Teatro de Carballo, o FIOT, foi recoñecida co Premio Rodolfo Prada á Xestión Cultural 2024. O xurado do galardón, instaurado pola Deputación de Ourense para destacar a figura do insigne intelectual ourensán, reuniuse para avaliar as candidaturas presentadas este ano ao certame e, unha vez examinadas todas as propostas presentadas e axustándose ás características descritas nas bases, escolleu aos gañadores da presente edición de entre as dezanove propostas presentadas:

  • O primeiro premio, para profesionais culturais, dotado con 3.000 euros, recaeu en Eduardo Rodríguez, organizador do Festival de Jazz Primavera do Café Latino, que este ano chegará á súa 26ª edición, convertendo á cidade de Ourense nunha referencia para os amantes deste estilo musical.
  • O segundo premio, para persoas voluntarias ou colectivos afeccionados, dotado con 2.000 euros, foi para a Asociación Cultural Telón e Aparte, que organiza en Carballo o Festival Internacional Outono de Teatro (FIOT), cun programa comprometido coas artes escénicas e cos proxectos teatrais de máis prestixio ao longo de máis de tres décadas de existencia.
  • Finalmente, o terceiro premio, para proxectos culturais, dotado con 1.000 euros, foi para o Concello de Carral, cuxo certame de poesía, que alcanza a 27ª edición, constitúe un dos eventos literarios máis prestixiosos de Galicia.

Os premios entregaranse no transcurso dun acto institucional organizado pola Deputación Provincial de Ourense, do que moi pronto a organización anunciará a data e todos os detalles.