Día
Domingo 28 de setembro 2025

Hora
20.00 h

Espazo
Mercado Municipal

Entrada
10 €

Público
Público adulto

Castelao estreouse como autor literario hai cento tres anos con Un ollo de vidro. Nesa obra ameaza con descubrir os segredos do mundo dos mortos. Un ollo artificial permítelle ver a danza dos esqueletes e as tranquilas tertulias dos descarnados. Mais négase a revelar cousa algunha sobre a Santa Compaña, porque di que a xente galega precisa convivir co misterio, como se o misterio fose un animal de compañía.

Celso Sanmartín e Quico Cadaval farán nesta estrea unha lectura insólita da obra do rianxeiro, e con continuadas digresións, comentarios e notas de rodapé, contarán o que Castelao quixo manter segredo. Van descubrir as enrugas da historia e van estricalas para que o público descubra o que hai alá, no Alén, ala!. Dúas ópticas diferentes, as de Cadaval e Sanmartín, que mostrarán un Alén diferente do rianxeiro. Meteranse polo ollo dunha agulla e non darán puntada sen fío.

Inmigrantes, próteses, apostas de tabernas, romarías, vendedores de bíblias, médicos do seguro, recoveiras e outras palabras que non se entenden, nestes Dous Ollos de Vidro.

Cadaval e Sanmartín son dous narradores e opinadores que non precisan presentación, polo menos en Ribeira e en Lalín, e tampouco en Carballo. Sanmartín e Cadaval experimentaron a práctica da lectura iluminada en dúas senlleiras performances poñendo o ramo da exposición Ollos de Vidro. O froito destas pesquisas preséntanse nesta estrea mundial de Dous ollos de vidro na Rúa dos Contos do FIOT.

Cando se cumpren 75 do pasamento deste autor que forma parte da nosa raíz e se celebra o Ano Castelao, é un luxo estrear no FIOT a homenaxe que lle fan estes dous clásicos da narración, referentes en España.

Interpretación e creación: Quico Cadaval e Celso Sanmartín

Coa colaboración de Bodegas Carballo