O Festival Internacional Outono de Teatro de Carballo regresa este outono ás salas, rúas e espazos non convencionais da vila bergantiñá con recoñecidas figuras das artes escénicas como María Galiana, Paula Carballeira ou José L. Prieto
O “corazón do teatro en Galicia” presentou está mañá no Bosque do Añón de Carballo o cartel desta nova edición, que conta coa raíz como o leitmotiv para poñer en valor a orixe e a tradición como símbolos de identidade propia e faros da nosa contemporaneidade
O festival desvelou os primeiros nomes da súa programación, cos espectáculos coproducidos polo FIOT Territorio regueifa, de Ainé Producións, e Berenguela na gaiola, de Galeatro e Xarope Tulú; e a estrea en Galicia de Yo solo quiero irme a Francia, de Contraproducións
O Festival Internacional Outono de Teatro de Carballo (FIOT) regresará ás salas, ás rúas e a espazos singulares de Carballo para celebrar a súa 34ª edición do 25 de setembro ao 1 de novembro de 2025, da man de recoñecidas figuras das artes escénicas como María Galiana, Paula Carballeira e José L. Prieto, entre moitas outras.
O “corazón do teatro en Galicia” presentou está mañá no Bosque do Añón de Carballo o cartel desta nova edición, que conta coa raíz como o leitmotiv para poñer en valor a orixe e a tradición como símbolos de identidade propia e faros da nosa contemporaneidade.
O festival desvelou os primeiros nomes da súa programación, cos espectáculos coproducidos polo FIOT Territorio regueifa, de Ainé Producións, e Berenguela na gaiola, da querida compañía carballesa Galeatro e Xarope Tulú, con dirección da Premio Nacional de Literatura Dramática Paula Carballeira; e a estrea en Galicia de Yo solo quiero irme a Francia, de Contraproducións, peza firmada e dirixida por Elisabeth Larena e protagonizada por María Galiana, Nieves de Medina, Ledicia Sola e Alicia Armenteros.
O Bosque do Añón de Carballo acolleu a mañá deste martes, 15 de xullo, ás 11.00 horas, a presentación das datas, o cartel e este avance do 34º Festival Internacional Outono de Teatro de Carballo. O acto contou coa participación do alcalde de Carballo, Evencio Ferrero; o director do FIOT, Alberto Sueiro; e a concelleira de Cultura e Festas, Maruxa Suárez Cotelo.
A principios do mes de setembro, o FIOT presentará o programa completo da súa 34ª edición, con todas as liñas habituais que conforman cada ano o festival: Programa de Sala, OTNI, Rúa dos Contos, Teatro de Rúa, FIOT en Ruta, Micro-escenas M2, FIOTeen e Fiotiño, ademais de actividades paralelas como exposicións, as gravacións de OndaFIOT, a celebración de xornadas profesionais, etc.
“RAÍZ VIVA, MEMORIA COLECTIVA”
Hai raíces que non se ven, pero se senten. Nacen de dentro das entrañas, do que fomos e do que levamos gardado sen sabelo. Nesta 34ª edición, o FIOT convida a mirar cara ao interior, a recoñecer a forza do que nos sostén: a tradición, a memoria e a orixe. Pero sempre, cunha mirada contemporánea cara o presente e o futuro. O leitmotiv desta nova edición, a número 34, do Festival Internacional Outono de Teatro de Carballo, “raíz viva, memoria colectiva”, é unha chamada á orixe: a aquilo que nos sostén por dentro, aínda que non se vexa. Como as entrañas do corpo, a raíz e a memoria forman parte da nosa estrutura profunda. Este festival explora esa anatomía común que nos une: emocional, cultural e escénica.
Pero para o #FIOT34, a raíz non é só o punto de partida, senón unha rede que medra en moitas direccións; un espazo compartido que poñer en valor, para entender a orixe, para avanzar, evolucionar, explorar e medrar. En palabras de Alberto Sueiro, director do FIOT, “na era da globalización e mesmo da despersonalización na que vivimos, da sociedade líquida, inestable e fráxil, de estruturas e valores cambiantes, percíbese un rexurdimento con forza da posta en valor das raíces, das orixes como conformadoras da identidade propia e colectiva, da memoria, do local e do noso patrimonio como nutrientes esenciais que nos manteñen en pé e fundamentan o noso futuro”.
Sueiro apuntou, tamén, que “na propia raíz está o xerme para a renovación, para a creatividade, a evolución e a diversidade, que establecen unha tensión permanente co legado e coa tradición. A variedade das propostas que presentamos conducirannos por viaxes emocionais ou narrativos diversos, colectivos ou individuais, que poden axudarnos nesta reflexión de que a nosa historia contemporánea, non comeza con nós senón na nosa raíz”. E concluíu: “Benvidas e benvidos a unha nova e, de novo, ilusionante, edición do FIOT”.
Pola súa banda, Evencio Ferrero, alcalde de Carballo, quixo facer fincapé na contorna elixida para a presentación do cartel desta nova edición do festival: “o río Anllóns e o seu bosque teñen un significado moi especial para Carballo. Non son só un espazo de beleza natural, senón tamén unha testemuña viva da relación profunda entre a localidade bergantiñá e a súa contorna. Cada paso polos seus sendeiros é un suspiro de historia, de costumes e dun amor compartido pola terra que dá vida á nosa vila.
Camiñar pola beira do río Anllóns é, en si mesmo, un paseo pola alma de Carballo. Desde o tranquilo murmurio das súas augas ata a súa frondosa vexetación, percorrer a súa paisaxe é un agasallo para os sentidos e, tamén, unha evocación da historia local, da nosa tradición e da nosa raíz.
Veciños e forasteiros atopan neste recuncho único de Galicia un espazo para a relaxación e o goce. O Bosque do Añón, cos seus emblemáticos carballos, é un espazo de encontro e ledicia; unha paraxe acolledora e fermosa; o lugar das romarías populares e os xogos, das festas e o lecer autóctono. E é nesa paraxe onde o pasado, o presente o e futuro se encontran.
O Bosque do Añón garda, sen dúbida, un lugar privilexiado no corazón das xentes de Carballo: é o escenario anual da Festa do Bosque, unha romaría popular que pecha as festividades de San Xoán. A música, o baile e a mellor gastronomía local fusiónanse neste espazo natural, convertendo a paraxe nunha celebración viva das tradicións carballesas. É unha explosión de sensacións e de sons; unha conexión vibrante entre os habitantes da vila e a súa terra; a testemuña silente da nosa raíz única, que este ano representa o noso FIOT”.
Pola súa banda, a concelleira de Cultura e Festas, Maruxa Suárez, destacou o FIOT como un proxecto pioneiro e clave da cultura en Carballo, amosando o firme compromiso municipal co festival, como unha cita referente da cultura galega, non só en termos de exhibición, senón tamén de produción e acompañamento artístico.
A concelleira detívose, tamén, na filosofía do FIOT, a raíz, “que reflicte, tamén, a actual liña de traballo da área de cultura da corporación municipal: a tradición, a recuperación da identidade, a orixe e a raíz como símbolo da nosa rica e potente identidade”. E remarcou: “O Festival Internacional Outono de Teatro é un proxecto cultural enraizado na nosa vila; desde hai máis de tres décadas é o símbolo, o faro, que sustenta nosa cultura propia. O FIOT mira cara o futuro e está na mesma raíz da nosa localidade”.
UN PRIMEIRO AVANCE DO PROGRAMA QUE NOS ESPERA NESTE #FIOT34
Esta mañá, o FIOT avanzou tres producións con selo galego que formarán parte fundamental do seu programa na edición número 34 do festival, da man de compañías tan queridas polo público de Carballo como Contraproducións, Ainé e Galeatro –esta última, en tándem artístico con Xarope Tulú e a Premio Nacional de Literatura Dramática Paula Carballeira–.
En consonancia co lema desta edición, a raíz como orixe da identidade propia e colectiva, o FIOT colabora na coprodución do espectáculo Territorio regueifa, de Ainé Producións. Combinando o xeito de regueifar, a retranca e a música cos códigos do teatro de proximidade, tres músicos e regueifeiros achegan ao escenario unha forma moi nosa de humor e crítica social. Carballo e Bergantiños son recoñecidas pola riqueza do seu patrimonio cultural inmaterial e, en particular, o patrimonio oral, salvagarda e transmisor da nosa memoria, que aínda se conserva e forma parte da nosa identidade.
En Carballo, a regueifa mantense aínda presente, cos últimos regueifeiros tradicionais e, tamén, con novas xeracións que están a actualizar o xénero a través de diversos proxectos de revitalización, como as iniciativas do Concello de Carballo Escola da regueifa, a Liga da regueifa, os obradoiros Enreguéifate ou o certame de La Voz de Galicia que se celebra en Carballo Premios Galegos de Regueifa, ademais doutras iniciativas de ámbito galego como Espallando rimas.
Por estes motivos, o FIOT non podía ser alleo a este Territorio regueifa de Ainé, unha ambiciosa proposta escénica que busca trasladar a esencia da regueifa aos códigos do público actual. Coa estrea absoluta deste espectáculo, o festival abrirá o seu programa de sala a primeira fin de semana do mes de outubro, apertura á que se une outra representación destinada ao alumnado de Educación Secundaria, que asistirá á preestrea da obra no marco do programa FioTEEN.
Pola súa banda, as outras dúas pezas anunciadas, Berenguela na gaiola e Yo solo quiero irme a Francia, reflicten ben outra das grandes sensibilidades do FIOT: son historias de mulleres que anhelan a súa liberdade, co teatro como poderoso instrumento para narrala e acadala.
SOBRE OS PRIMEIROS ESPECTÁCULOS ANUNCIADOS DO #FIOT34
Berenguela na gaiola
Galeatro e Xarope Tulú, en coprodución co FIOT
Sábado 27 de setembro
Estrea absoluta
FIOTIÑO
A nova coprodución para público familiar de Galeatro –a sempre interesante compañía dos carballeses Alba Bermúdez e Tone Martínez e Xarope Tulú –troupe galega comprometida coas linguaxes escénicas diversas dirixidas á infancia e a mocidade, da narración oral ao teatro de texto e de obxectos–, con dramaturxia e dirección da Premio Nacional de Literatura Dramática Paula Carballeira, gañou a cuarta edición do Certame Manuel María de Proxectos Teatrais. A obra sitúa a acción nunha residencia da terceira idade, onde tres anciás deciden representar, a través do teatro, o que non lles deixan facer na realidade: ser libres. E, para isto, deciden representar a peza Aventuras e desventuras dunha espiña de toxo chamada Berenguela, de Manuel María.
Territorio regueifa
Ainé Producións, en coprodución co FIOT
Sábado 4 de outubro
Estrea absoluta
PROGRAMA DE SALA
Territorio regueifa é un espectáculo teatral producido por Ainé que pretende achegar ao gran público o mundo da regueifa, unha das nosas expresión culturais máis ancestral, que consiste en manter unha disputa dialéctica improvisada en verso entre dous o máis participantes. Trátase dun proxecto inédito en Galicia, que mestura o traballo dalgúns dos grandes divulgadores desta manifestación artística, convertidos en protagonistas da peza, co de destacados profesionais das artes escénicas do noso país. José L. Prieto é o autor e director de Territorio regueifa, que protagonizarán Lupe Blanco, Manolo Maseda e Josinho da Teixeira.
Territorio regueifa busca amosar a vixencia e a adaptación da regueifa á sociedade do século XXI, tanto nas temáticas, agora moito máis diversas, como na forma, coa incorporación de diferentes estilos e melodías. E, todo isto, sen esquecer xamais o espírito festivo e humorístico deste xénero artístico desde as súas orixes, que mestura como poucos o teatro, a música, o humor e a improvisación, nun espectáculo total no que o divertimento está, sen dúbida, asegurado.
Yo solo quiero irme a Francia
Contraproducións
Sábado 25 de outubro
Estrea en Galicia
PROGRAMA DE SALA
Inés asiste ao velorio de Pilar, quen decide deixarlle a súa casa en herdanza sen tela coñecido nunca e sen avisar a Leo, a súa neta. Xuntas descubrirán un pasado que descoñecían, abrindo vellas feridas familiares que se remontan á infancia da propia Pilar durante os últimos meses da Guerra Civil e á súa mocidade na Sección Feminina.
Canto pesan as herdanzas emocionais, esas que ninguén reclama, pero que fan sufrir a varias xeracións? Sobre as táboas veremos a catro mulleres de diferentes xeracións que buscan ese lugar que tanto anhelan e imaxinan. “Algunhas chamámolo liberdade. Outras chamáronno Francia”, apunta a autora e directora Elisabeth Larena sobre a peza.
Yo solo quiero irme a Francia é o novo espectáculo da produtora galega Contraproducións, firmado e dirixido por Elisabeth Larena, actriz, dramaturga e directora, que debuta na dirección de escena tras unha sólida traxectoria como intérprete, na que destacan os seus papeis en series como Cuéntame cómo pasó, Intimidad ou La que se avecina e, tamén, no filme gañador dun Goya No matarás.
O espectáculo está protagonizado por María Galiana (a inesquecible Herminia de Cuéntame cómo pasó, ademais de grandísima actriz de cine e de teatro, merecedora, ao longo da súa carreira, de galardóns como o Premio Goya, o Premio da Unión de Actores, o Premio Ondas, a Espiga de Oro da Seminci ou, en dúas ocasións, o Mérito a las Bellas Artes polo Ministerio de Cultura. Xunto a ela, subiranse ás táboas as intérpretes Nieves de Medina, Ledicia Sola e Alicia Armenteros.
A estrea absoluta do espectáculo terá lugar no Teatro Palacio Valdés de Avilés o día 16 de outubro, para logo viaxar a Carballo e aterrar no FIOT o sábado 25, na que será a súa estrea en Galicia.