Skip to main content
  • A iniciativa terá lugar o mércores 9 de outubro no Pazo da Cultura e durante a tarde realizarase unha experiencia colectiva de creación entre profesionais da dramaturxia coordinada por Santiago Cortegoso
  • A xornada, na que participarán 17 profesionais das artes escénicas, forma parte da programación expandida do proxecto Camiño Escena Norte, que desenvolven asociacións profesionais de Galicia, Asturias, Euskadi e Cantabria
  • O Festival Internacional Outono de Teatro continúa coa súa programación de actividades paralelas e o vindeiro sábado 5 abrirá as portas da Escola do Espectador

O proxecto Camiño Escena Norte chega a Galicia. O vindeiro 9 de outubro, o 28 Festival Internacional Outono de Teatro, o FIOT, acollerá a xornada profesional Escena Norte Idea, unha iniciativa que pretende abordar o Camiño de Santiago do Norte como conector e vertebrador da diversidade cultural.

A xornada forma parte da programación expandida do proxecto Camiño Escena Norte, unha iniciativa impulsada por asociacións profesionais de artes escénicas de Galicia, Euskadi, Cantabria e Asturias, como son Escena Galega, Eskena, EscenAsturias e ACEPAE. O obxectivo da proposta é poñer en valor a diversidade cultural, lingüística e de formatos e linguaxes escénicas da produción galega, asturiana, cántabra e vasca tomando como eixo o itinerario da ruta histórica do Camiño de Santiago do Norte.

A programación chegará a Carballo o vindeiro mércores 9 logo do seu paso por Bilbao, Santander e Xixón, coa idea de reflexionar sobre a interculturalidade a través do traballo de creadoras e creadores das artes escénicas; ademais de cuestións como a situación da dramaturxia e o apoio á creación en Asturias, Euskadi, Galicia e Cantabria; a promoción, difusión e exhibición de creacións nunha lingua diferente ao castelán; novos procesos de fórmulas e creación escénica na actualidade; ou a colaboración entre proxectos culturais e artísticos de territorios diferentes.

A xornada, cuxas mesas redondas terán lugar desde as 10.00 até as 14.45 horas no Pazo da Cultura, contará coa participación de 17 creadoras e creadores profesionais dos territorios implicados, como son Alberto Iglesias, Anxo Manoel, Carlos Troyano, Clara Gayo, Eduardo Alonso, Ernesto Is, Gena Baamonde, Laura Iglesia, Marta Pérez, Maxi Rodríguez, Paloma Lugilde, Patxo Tellería, Quico Cadaval, Roberto Salgueiro, Santiago Cortegoso, Vanesa Sotelo e XRon.

Na sesión de tarde, realizarase unha dinámica experimental de traballo colectivo de creación exprés, na que participarán profesionais da dramaturxia, e un grupo de 20 alumnas e alumnos coordinado por Santiago Cortegoso, co obxectivo de xerar e mostrar, nunha sesión, diferentes proxectos escénicos arredor da temática Encontro entre culturas diferentes, coa idea de ofrecer, ademais de coñecemento e o intercambio creativo, un espazo para a experimentación de novas formas de condición colectiva. Para poder participar nesta xornada, cómpre realizar a inscrición previa a través do correo electrónico coordinacion@escenanorte.com, indicando o nome e apelidos, o correo electrónico de contacto, profesión e interese na proposta.

Escola do espectador

Regresa a Escola do espectador ao FIOT. O vindeiro sábado, 5 de outubro, terá lugar a primeira sesión desta cita na que o festival pretende achegar, dun xeito sinxelo e informal, as artes escénicas ao público a través do diálogo e a reflexión común.

O crítico e xornalista Camilo Franco será o responsable de conducir, un ano máis, esta iniciativa, que, coincidindo coa temática das #MIRADASFIOT desta edición, centrarase no teatro social e nas artes escénicas como ferramenta para o análise da realidade e da súa capacidade para xerar reflexión e discurso crítico sobre o mundo. A actualidade do teatro, as tendencias e enfoques actuais, o teatro documento, ou o papel dos dramaturgos e directores presentes no 28 FIOT serán algunhas das propostas que se aborden na nova edición da Escola do espectador.

As sesións terán lugar os sábados de outubro polas mañás no Bar A Barra, en horario de 12.00 a 13.30 horas, e estarán acompañadas dun vermú. A asistencia, como é habitual na Escola do espectador, é libre e gratuíta. Non se require inscrición previa pero, de cara á previsión do número de asistentes, o FIOT agradece que se comunique a través do correo electrónico fiot@fiot.gal