Data de entrega
Venres 1 de novembro

Hora
21.00 h

Espazo
Pazo da Cultura (previo ao inicio da función de Fariña)

Sobre a actividade

Este ano o galardón do FIOT ten nome de muller. Nesta 28ª edición, o festival recoñece como Xograresa de Outono a unha das grandes actrices galegas, Patricia de Lorenzo. Unha artista polifacética, que se define tamén como cantante e vedette, que leva tres décadas no mundo da interpretación. Unha todoterreo que marida á perfección teatro, música, dobraxe, cine e televisión.

Patricia de Lorenzo iniciou en 1990 a súa traxectoria profesional e, catro anos máis tarde, pasou a formar parte de Chévere, compañía de referencia en Galicia e tamén en España, galardoada co Premio Nacional de Teatro, o máis importante das artes escénicas a nivel estatal.  Desde entón participou como actriz en montaxes que forman parte da historia teatral galega, como é o caso de Annus Horríbilis, Rio Bravo 02, Citizen, Eurozone ou Eroski Paraíso. De Lorenzo é unha das “alma mater” deste proxecto e un dos seus piares fundamentais, tanto dentro como fóra dos escenarios, desenvolvendo labores de dirección, administración, xestión e produción. Ademais, a actriz tamén traballou con Teatro do Aquí, Elsinor ou o Centro Dramático Galego.

Prestixiosos galardóns, como varios María Casares ou o Maruxa Villanueva, recoñecen a traxectoria de Patricia de Lorenzo. O acto de entrega do galardón como Xograresa de Outono 2019 está previsto para o 1 de novembro, ás 21.00 horas, previo ao inicio da función de Fariña.

O Xograr de Outono

Este nomeamento honorífico do Festival Internacional Outono de Teatro recoñece unha persoa ou entidade que destaca pola súa traxectoria na promoción e desenvolvemento do teatro en Galicia. A elección da galardoada correspóndelle aos anteriores Xograres de Outono e á Asociación Cultural Telón e Aparte. En anteriores ocasións gañaron este premio artistas como Roberto Vidal Bolaño, Artur Trillo, Celso Parada, Víctor Mosqueira, Quico Cadaval, Dorotea Bárcena, Cándido Pazó, Paula Carballeira, Marcelino de Santiago “Kukas”, Alberto Gende, Xosé Manuel Olveira “Pico”, Eduardo Rodríguez Cunha “Tatán”, Susana Dans, Miguel de Lira, Mónica Camaño e Manuel Lourenzo.