Día
Do 4 de outubro ao 1 de novembro

Hora
De 10.00 a 14.00 e de 16.00 a 21.00 h

Espazo
Pazo da Cultura

Entrada
Libre

Sobre a actividade

Recentemente deixounos un Xograr de Outono do FIOT, Celso Parada. Actor, director e produtor, foi o fundador hai 30 anos, xunto a Isabel Ávila, dunha das compañías galegas máis senlleiras: Teatro do Morcego.

Celso Parada e Teatro do Morcego foron uns dos piares sobre os que se sustentou o FIOT nos seus comezos. Á súa empatía, profesionalidade e compromiso sumouse unha entrañable e fonda amizade. As súas propostas escénicas tiveron unha presenza intensa, engaiolando  a todos os espectadores de Carballo. No ano 2005, o público do festival rendeulle unha sentida homenaxe coa entrega do seu galardón máis entrañable pola súa destacada traxectoria na promoción e desenvolvemento do teatro en Galicia.

Grazas á colaboración de Isabel Ávila, Tatán e Carlos Alonso o público poderá percorrer os trinta anos de Teatro do Morcego a través de pezas históricas de vestiario, escenografía, memoria gráfica e dramaturxia dos 31 espectáculos producidos pola compañía, nos que participaron máis de cincuenta actores, actrices, músicos, bailaríns e directores. A posta en escena e a realización da instalación é obra do escenógrafo Carlos Alonso, colaborador habitual da compañía.

Organiza: Asociación Cultural Telón e Aparte