Skip to main content

A Asociación Cultural Telón e Aparte convocou o pasado mes de maio o III Certame de Micro-Escenas Metro Cadrado co obxectivo de seleccionar as obras que se representarán na edición 28 do Festival Internacional Outono de Teatro (FIOT). Entre o 20 de maio e o 30 de xuño de 2019, recibíronse un total de 33 obras para participar nesta edición de 2019.

“Margarita”, de Teatro en Punto; “O silencio das tartarugas”, presentada por María Alejandra Gómez Dobronich; “Soas lavan”, de Tukumpas Teatro; “Sorpresa!”, de Enconarte Producciones; “Invisíbel”, presentada pola Asociación Cultural Catro Gatos, e “Corazón”, de Iria Sobrado, son as obras gañadoras do III Certame de Micro-Escenas Metro Cadrado. As seis obras poderán gozarse de balde nesta edición do FIOT.

As pezas seleccionadas polo xurado, unha vez representadas no FIOT, recibirán unha compensación pola participación de 300 €, ademais dunha axuda económica de 100 € para gastos de produción e desprazamento.

Todas as obras exhibidas serán valoradas polo público asistente mediante un sistema de votacións e optarán ao Premio do Público (150 €) e Premio á Mellor Interpretación (150 €).

O xurado seleccionou dúas pezas suplentes, por se algunha das gañadoras non puidese realizar a representación nas datas previstas pola organización. Son “ST#2 La Fatiga de las Formas (versión en vivo)”, presentada por PersonayPersona, e “A figueira”, presentada por Aporía Escénica.

Sobre Metro Cadrado

O Certame de Micro-Escenas Metro Cadrado é un concurso para proxectos escénicos de pequeno formato concibidos para poñer en escena en espazos non teatrais. Ten por obxecto apoiar a creación escénica de novos formatos e a compañías e creadoras/es emerxentes, así como captar novos públicos e implicar aos espectadores e á cidadanía nas artes escénicas.

Atendendo á finalidade do certame e ás características da obra e o formato indicados nas bases do concurso, os membros do xurado realizaron a selección de propostas, priorizando as obras de nova creación e estrea e, en especial, a adecuación das mesmas aos espazos ofertados e o seu protagonismo, así como a autoría propia. Así mesmo, procurouse o equilibrio entre diversas linguaxes e disciplinas. Por último, tívose en conta a presenza de participantes de carácter profesional e non-profesional.

Membros do xurado 2019

Reunido o pasado 5 de xullo para seleccionar os premios do certame, o xurado estivo formado por Artur Trillo Sendón, actor e director da compañía Talía Teatro; Juan Rodríguez Santiago, representante de Escena Galega e membro da compañía Caramuxo; Alba Bermúdez Iglesias, actriz e membro da compañía Galeatro; Mª del Carmen Castro Pombo, membro da organización do FIOT e xefa do Servizo de Cultura do Concello de Carballo, e Xiana Márquez Antelo, membro da organización do FIOT e traballadora do departamento de cultura do Concello de Carballo, en calidade de secretaria do xurado, sen voto.