Skip to main content

A 30ª edición do Festival Internacional Outono de Teatro de Carballo chega ao seu fin logo de case un mes e medio de celebración. Esta semana o certame bergantiñán despedirase do público no Pazo da Cultura coa presentación do libro Fillos do sol, baseado na peza coproducida polo FIOT e Contraproducións no centenario do pasamento de Eduardo Pondal, e coa representación da última función do seu Programa de Sala. O peche será cun dos éxitos da tempada escénica a nivel estatal e que vén de gañar, recentemente, dous Premios Max: Con lo bien que estábamos (Ferretería Esteban), de Nueve de Nueve Teatro.

A primeira cita terá lugar o mércores, ás 20.00 horas. O Pazo da Cultura acollerá a presentación de Fillos do sol, o libro escrito por Cándido Pazó que se basea na peza de teatro homónima estreada no 2017. Nese ano, o FIOT conmemorou os cen anos do falecemento de Eduardo Pondal coa produción dun espectáculo teatral en colaboración coa compañía Contraproducións, e encargou a Pazó, Xograr de Outono, a escrita do texto. Fillos do Sol é unha elucubración nun acto e un epílogo, a cabalo entre a realidade ficcionada e a fabulación dramática, sobre a figura do autor bergantiñán e a súa obsesión coa obra que ocupou toda a súa vida como escritor: Os Eoas.

No acto deste mércores estarán presentes o autor, o director do FIOT, Alberto Sueiro, a directora comercial da Editorial Galaxia, Tati Mancebo, e o concelleiro de Cultura de Carballo, Marcos Trigo. O grupo estará acompañado polo elenco da obra: César Cambeiro, Alba Bermúdez e Adrián Riós.

O venres 29 a clausura do festival chegará coa comedia musical Con lo bien que estábamos (Ferretería Esteban), escrita e dirixida por José Troncoso, na que presenta dúas singulares personaxes: Estaban e Marigel. Ambos teñen a súa vida e son donos dunha ferraxería, mais un día o teatro chega a súa vila e xa nunca máis serán os mesmos. A peza, que conta con Jorge Usón e Carmen Barrantes de protagonistas, é espectáculo con pingas de humor, intriga e misterio, que acadou na última gala dos Premios Max de Teatro dous galardóns: Mellor composición musical para espectáculo escénico e Mellor labor de produción. As tenras e esperpénticas personaxes creadas por Troncoso pecharán o FIOT este venres, a partir das 21.00 horas, poñendo en valor o poder transformador do teatro e ,en cuestión, se é posible un mundo sen arte, sen comedia, sen risa.

Tamén até o venres 29 o Pazo de Cultura acolle dúas mostras sobre o certame e as artes escénicas: a exposición 30 fitos do FIOT, un percorrido informativo e emocional polas tres décadas de traxectoria do certame, e Zoom FIOT 2019, unha exhibición de fotografía que recolle esas escenas que o público non ve detrás do pano e que tamén forman parte do FIOT.