Skip to main content

A organización do Festival Internacional Outono de Teatro (FIOT) levará a cabo un concurso en Instagram, durante a presente edición (FIOT 28), co obxectivo de dinamizar o festival nas redes sociais entre o público.

organización habilitará un photocall do #FIOT28 cun cartel coa etiqueta #MIRADASFIOT, lema deste ano. Este photocall estará dispoñible os días de programación de sala na entrada do Auditorio do Pazo da Cultura así como noutras actividades paralelas.

O concurso desenvolverase segundo as seguintes bases.

1. ENTIDADE ORGANIZADORA
A entidade organizadora deste concurso é a Asociación Cultural Telón e Aparte.

2. PLATAFORMA DE PARTICIPACIÓN, VIXENCIA E ÁMBITO
O concurso realizarase na conta oficial de Instagram de @fiotcarballo. Desenvolverase desde o día 4 de outubro ata o día 1 de novembro, ambos os dous incluídos. As participacións de antes ou despois deste período non serán válidas.
O concurso ten ámbito estatal.

3. REQUISITOS DE PARTICIPACIÓN E MECÁNICA DA PROMOCIÓN
Poderán participar nesta promoción:
a) As persoas físicas
b) Maiores de idade no momento do concurso
c) Maiores 14 anos con consentimento dos seus pais, nais ou titores legais
d) Con residencia legal en España
e) Que conten cun perfil de usuario real en Instagram(non serán válidas “contas concurso”)
f) Que sexan seguidores da perfil oficial @fiotcarballo en Instagram. Isto comprobarase polos medios que a rede social facilite.

Para participar hai que cumprir os seguintes requisitos de publicación:
a) Subir unha fotografía da persoa participante na que se vexa o cartel #MIRADASFIOT (aquelas fotos onde non se vexa este elemento non serán válidas).
b) Escribir no texto que acompaña a fotografía unha frase que responda á pregunta “Que che gusta do FIOT?”.
c) Acompañar cos cancelos #FIOT28 e #MIRADASFIOT.
d) Mencionar e etiquetar a conta @fiotcarballo.

4. PREMIOS
Haberá 3 premios. O primeiro premio consiste nun abono (1) para a próxima edición do FIOT (ano 2020), o segundo premio será unha (1) entrada de programación de sala para a próxima edición do FIOT (ano 2020), e o terceiro premio será unha (1) entrada para unha obra do ciclo OTNI.

O premio outorgaráselle á persoa titular da conta de Instagram que teña subido a fotografía, aínda que na imaxe aparezan máis persoas.

O premio deste concurso, en ningún caso poderá ser obxecto de cambio, alteración, compensación económica ou cesión a terceiros a petición dos gañadores.

5. DETERMINACIÓN DOS GAÑADORES, COMUNICACIÓN OFICIAL, RECLAMACIÓN DO PREMIO E ENTREGA
Serán gañadores deste concurso as tres publicacións que obteñan máis “gústames”entre todos os participantes ao longo do desenvolvemento do mesmo. O anuncio dos gañadores realizarase nos días seguintes ao remate da promoción (a partir do 2 de novembro de 2019) e publicarase a criterio da entidade organizadora:
– Publicación en Instagram.
– Unha mensaxe á persoa gañadora se a plataforma e privacidade da conta o permite.

As persoas gañadoras deberán enviar unha mensaxe privada á conta de Instagram @fiotcarballo ou ao correo fiot@fiot.gal indicando os seus datos persoais (nome, apelidos e DNI) e de contacto (teléfono e correo electrónico), así como a aceptación do premio recibido.

As persoas gañadoras disporán de 5 días, despois da comunicación do resultado do concurso, para reclamar o premio. En caso de non comunicarse coa organización/renuncia, o premio quedará deserto.

Os premios entregaranse antes do comezo da venda de entradas para a edición do FIOT de 2020.

6. UTILIZACIÓN DO NOME DO GAÑADOR E COMUNICACIÓNS RELACIONADAS CON ESTA PROMOCIÓN
As persoas gañadoras da promoción consintirán expresamente que o FIOT poida utilizar o seu nome, apelidos, nome de usuario en Instagram e imaxe en calquera actividade publicitaria, promocional ou de marketing relacionada coa presente promoción en calquera medio, sen que as ditas actividades lles confiran dereito de remuneración ou beneficio algún con excepción feita da entrega do premio gañado conforme a estas bases.

7. CONDICIÓNS DE CARÁCTER XERAL
A organización do FIOT Carballo resérvase o dereito de non admitir, ou excluír, aos participantes ou gañadores da presente promoción que facilitaran datos falsos, erróneos, inexactos ou que incumpran co establecido nas presentes bases, quedando eximida de calquera responsabilidade, en caso de que os ditos erros ou falsedades que impidan a identificación do gañador do premio, á AC Telón e Aparte.

Non estarán permitidas as participacións cuxo contido se considere inadecuado, ofensivo, discriminatorio ou que poidan vulnerar dereitos de terceiros, reservándose a organización a posibilidade de descalificar aos participantes que incurran no citado anteriormente e de denunciar este contido.

O usuario poderá participar as veces que queira pero só se contabilizará unha foto das que suba (aquela con máis gústames).

Recoméndase ter o perfil público para realizar o concurso correctamente.

A organización resérvase o dereito de descalificar as publicacións que non cumpran cos requisitos destas bases.

8. ACEPTACIÓN DAS BASES
A simple participación nesta promoción supón a aceptación plena e incondicional destas bases.

9. CONTACTO
Para consultas de calquera asunto relativo ao concurso, os usuarios poderán contactar a través das redes sociais oficiais do FIOT (Facebook, Twitter e Instagram) ou no correo comunicacion@fiot.gal.