Yllana sobre o FIOT 2016: “É unha selección  do mellor do panorama das artes escénicas”

Yllana sobre o FIOT 2016: “É unha selección do mellor do panorama das artes escénicas”

• A compañía madrileña considera que o programa desta edición é “moi esixente”, destacando o festival como un dos mellores dentro e fóra de España.
• Gañadora do Premio do Público en 3 ocasións, Yllana reforzará a “yllanofilia” de Carballo co seu aclamado “Yllana 25”, que se estrea hoxe en Galicia.
• O espectáculo desta noite supón unha remasterización dos seus grandes éxitos e será un espectáculo interactivo co público.
• Yllana anuncia o seu desexo de representar no futuro unha obra que reúna os seus peores sketches.


 

Os intérpretes da compañía madrileña Yllana presentaron hoxe en rolda de prensa conxuntamente co presidente da Asociación Cultural Telón e Aparte, Alberto Sueiro, e o concelleiro de Cultura de Carballo, Marcos Trigo, o seu espectáculo “Yllana 25”, que este venres ás 21.00 h se estrea na capital de Bergantiños, o que tamén supón a súa primeira representación en Galicia.

Alberto Sueiro presentou a Yllana como unha compañía “imprescindible”, xa que asistiu en nove ocasións ao festival, tres delas como invitada despois de gañar o Premio do Público. De feito, Sueiro calificou de “yllanofilia” o sentimento do público carballés por esta compañía, unha das máis queridas do festival.

Por parte de Yllana estiveron presentes Fidel Fernández, Jony Elías, Luis Cao e Juanfran Dorado. Segundo sinalou Fidel Fernández, “é unha honra estar en Carballo, xa que é, con diferencia, un dos mellores festivais dentro e fóra de España”. Tamén destacou o nivel de programación desta edición como “moi esixente”, no que participa “unha selección do mellor do panorama das artes escénicas nacionais e internacionais”.

Fernández calificou de “excelente e familiar” o trato recibido pola organización do FIOT e Luis Cao incluso falou do seu vínculo sentimental, xa que a súa avoa era orixinaria da capital de Bergantiños.

Sketches “remasterizados”

A representación de Yllana 25 é o aperitivo que antecede ao comezo do Festival Internacional Outono de Teatro (FIOT) e tamén a estrea desta obra en Galicia. O espectáculo consistirá nunha adaptación e fusión dos máis existosos sketches da compañía ao longo dos seus 25 anos de traxectoria. “Fomos a cabalo gañador, van a estar presentes os gags máis infalibles e representativos”, manifestou Fernández.

Segundo os propios actores, será un espectáculo “moi divertido e enérxico”, no que os antigos sketches estarán “remasterizados”, pero que manterán o seu estilo “divertido, intelixente, pícaro e xestual”. Tamén adiantaron que seguirán facendo uso da improvisación e que haberá máis de 12 cambios de vestiario por cada actor, o que constitúe un dos retos de “Yllana 25”.

Na rolda de prensa aproveitaron para anunciar a gravación dun documental sobre os seus 25 anos de historia, que están elaborando os estudantes dunha escola audiovisual de Madrid. E, sobre o futuro, desexaron que Yllana siga outros 25 anos. Tamén manifestaron a súa intención de compoñer un espectáculo cos seus peores sketches.