Xograr de outono 2018: Manuel Lourenzo

Xograr de outono 2018: Manuel Lourenzo

O FIOT quere recoñecer a un referente do teatro en Galicia, o dramaturgo, director, actor, promotor teatral e formador de xeracións de actores, Manuel Lourenzo, unha das persoas imprescindibles para a creación do teatro galego, quen dedicou a súa vida a esta arte.

Licenciado polo Institut del Teatre de Barcelona, comezou a súa andadura teatral profesional nos anos 60, coa vontade de impulsar un teatro galego propio. Fundou compañías, escolas e proxectos teatrais transcendentais como o Grupo O Facho, o Teatro Circo que desembocará na Escola Dramática Galega, a Compañía Luís Seoane, o Clube Elsinor ou a escola, revista e actual compañía, Casahamlet. Escribiu preto de dous centenares de obras dramáticas breves e 60 publicadas. É tradutor, novelista e ensaista.

Actor en numerosas producións é moi valorado no sector audiovisual, destacando a interpretación de míticos personaxes da televisión ou longametraxes.

Na súa prolífica traxectoria recibiu numerosos premios: Abrente (1978), Nacional de Literatura Dramática (1997), Pedrón de Ouro (2001), Premio Nacional da Cultura Galega en Artes Escénicas (2008), Premio Álvaro Cunqueiro, o Maruxa Villanueva ou o Otero Pedrayo, entre outros. É tamén profesor Honoris Causa pola Escola S. de Arte Dramática de Galicia.


 

O acto de entrega do galardón desta edición está previsto para o domingo 21 de outubro, ás 20.30h, previo ao inicio da función. Este nomeamento honorífico do Festival Internacional Outono de Teatro recoñece unha persoa ou entidade que destaque pola súa traxectoria na promoción e desenvolvemento do teatro en Galicia. A elección do galardoado correspóndelle aos anteriores Xograres de Outono e á AC Telón e Aparte. 

En anteriores edicións, foron xa merecedores deste premio Roberto Vidal Bolaño, Artur Trillo, Celso Parada, Víctor Mosqueira, Quico Cadaval, Dorotea Bárcena, Cándido Pazó, Paula Carballeira, Marcelino de Santiago “Kukas”, Alberto Gende, Xosé Manuel Olveira “Pico”, Eduardo Rodríguez Cunha “Tatán”, Susana Dans, Miguel de Lira e Mónica Camaño.