MIGUEL DE LIRA

miguel-lira

Na súa XXV edición o FIOT outorgará o Xograr de Outono 2016 a Miguel de Lira. Con este galardón quérese salientar a súa intensa, creativa, diversa e extensa traxectoria profesional na escena galega e no mundo audiovisual, con máis de 30 anos de percorrido. Traballa activamente como actor de teatro, dinamizador teatral, produtor e director, intérprete de cine e televisión a nivel galego e nacional, é ademais membro fundador dunhas das compañías referentes do panorama teatral galego, Chévere, relevancia que acredita un dos premios máis importante das artes escénicas en España, o Premio Nacional de Teatro. Miguel de Lira é unha das figuras que iniciou un teatro alternativo, de compromiso e de experimentación en Galicia. Queremos lembrar tamén que, hai 25 anos, foi un dos actores que participou na primeira edición do FIOT co mítico espectáculo Río Bravo.

Este nomeamento honorífico do Festival Internacional Outono de Teatro recoñece a unha persoa ou entidade que destaque pola súa traxectoria na
promoción e desenvolvemento do teatro en Galicia. A elección do galardoado correspóndelle aos anteriores Xograres de Outono e á AC Telón e Aparte. Foron xa merecedores deste premio Roberto Vidal Bolaño, Artur Trillo, Celso Parada, Víctor Mosqueira, Quico Cadaval, Dorotea Bárcena, Cándido Pazó, Paula Carballeira, Marcelino de Santiago “Kukas”, Alberto Gende, Xosé Manuel Olveira “Pico”, Eduardo Rodríguez Cunha “Tatán” e Susana Dans.

O acto de entrega do galardón desta edición está previsto para o venres 21 de outubro, ao remate da función.