Como transmitirlles aos mozos a paixón polo teatro? Esta é unha pregunta que levamos un tempo facéndonos e xa non queremos agardar por unha resposta. O público é o corazón do FIOT e temos unha alma heteroxénea e multixeracional. Sempre lles fixemos sitio a propostas que vincularan á mocidade, pero botámola en falta. Hai que lanzarse a buscar outros códigos, novas canles; tender redes e demandar que se conecten. Son activos, están ansiosos por comunicarse, por estar, por ser. O seu entusiasmo non é o problema. O FIOT está decidido a saír na súa procura.

Nesta era dixital na que a tecnoloxía o inunda todo e preside o lecer, as relacións… o teatro ten unha gran baza, a posibilidade de conectar fisicamente co público e facelo cómplice, como di un dos directores presentes nesta edición, Álex Rigola. Permítenos entender o mundo, afrontar o paso do tempo, obríganos a formularnos preguntas. É unha xanela aberta a novas sensacións e emocións, a experiencias.

Pensamos que este ano, no que os nacidos co cambio de século se fan maiores de idade, é bo momento para proclamar a nosa intención e adentrarse neste reto.

Só é o inicio do camiño, pero quixemos iluminalo coa imaxe da 27 edición e poñendo o foco con espectáculos sobre a mocidade actual, os chamados millennials, xeración Z… pero tamén en xeral sobre esta etapa de todos nós, sobre o efecto do tempo e da vida nas ilusións e esperanzas xuvenís. Nos problemas e preocupacións que lles atinxen, pero sobre todo na linguaxe, nas expresións e na mirada ao abordalos. E por suposto tamén no teatro que están facendo as novas xeracións de actores, de dramaturgos, de directores. Nós facemos público o noso compromiso e confiamos en que se vexan representados e que o FIOT non lles resulte alleo. Que sexan os nosos followers. No programa, moitos dos imprescindibles da escena actual, galegos, españois e internacionais, nomes que innovan, que están achegando novas perspectivas, que arriscan e ofrecen orixinalidade nas miradas e excelencia nas creacións. Por citar só algúns dos que non veremos nas táboas, a autores e directores, estamos orgullosos de proclamar que estarán en Carballo as obras de Paco Becerra, Luís Luque, Celso Giménez/La Tristura, Borja Fernández, Marta Buchaca, Tito Asorey, María Hervás, Cándido Pazó, Yayo Cáceres/Ron Lalá, Pablo Remón, Álex Rigola, Fabrice Murgia, Iván Morales, Alfredo Sanzol… É imposible non atopar algo que che interese entre os 41 espectáculos que ofrece o FIOT 27, #oCorazondoTeatroenGalicia

Inmensamente agradecidos ás institucións que fan medrar o seu apoio co ritmo do FIOT, que acreditan nunha gran proposta desde unha pequena cidade, que nos impulsan cara ao máis alto das artes escénicas de Galicia. E a vós, público do FIOT, a quen se debe este festival e que sodes o seu latexo.