“Hai verdades que non poden ser reveladas, máis que a condición de que sexan descubertas”, di Nawal, a protagonista dunha das obras que conforman este FIOT (Incendios, Wajdi Mouawad). No teatro atopamos un valioso aliado para o descubrimento da condición humana porque pon de manifesto o real e á vez, as súas contradicións, provoca a emoción e inspíranos para soñar e mesmo para actuar. O teatro é unha arma poderosa que, sen ser a realidade, explícaa desde o verosímil dunha ficción e busca a complicidade dos espectadores para recompoñela. Nesta edición poñemos a énfase nestas calidades da realidade e do teatro. Aínda que se nos presente con contundencia, o mundo é distinto ao que semella. Nada é o que parece. Na escena resalta a dualidade ou o carácter poliédrico da realidade, onde se desdebuxan os límites e se mesturan os opostos amor e odio, esperanza e desesperación, medo e valentía, angustia e felicidade…, e se confunden vítimas e verdugos, heroes e covardes… Precísase de miradas distintas para ver cada aresta. O tempo, o pasado e os legados recibidos son claves para unha reconstrución que non ten unha única solución. A viaxe cara atrás, cara relatos, axudaranos a avanzar.

Na memoria teremos o noso aliado, ou quizais é unha carga? A través de historias de amor, de violencia, de esperanza, de medo, de amizade, de guerra, do cotián… as propostas que presentamos poñen de manifesto a realidade como proceso interminable de construción e a dificultade e necesidade de comprendela, pero tamén a posibilidade de iluminala. Propoñémoslle ao espectador que se leve o debate á casa. Estamos comprometidos cos espectáculos que presentamos, pero estamos especialmente orgullosos dos creadores e artistas que os producen. Podemos afirmar que todos son referentes na arte escénica actual. Interésannos as súas particulares miradas, curiosas, diferentes, belas, provocadoras e valentes, que imprimen personalidade aos seus proxectos e renovan a escena co seu talento. Moitos son novos no noso programa e outros xa nos sorprenderon anteriormente, pero reunilos a todos é un luxo para o FIOT.

O noso interese en apoiar a creación artística concrétase na participación na produción de espectáculos. Este ano fomos “especialmente produtivos” e colaboramos en tres producións, todas elas cun carácter moi diferencial.

Tiñamos que acompañar no seu primeiro gran proxecto a primeira compañía profesional de Carballo, Galeatro. No segundo caso, respondemos á invitación dunha compañía de fóra de Galicia á que seguimos desde hai uns anos, Atresbandes. E a terceira é da man duns “socios” ben coñecidos e próximos e cos que temos xa moi boas experiencias, Contraproducións, e cun proxecto moi bergantiñán, no que nos implicamos activamente para conmemorar o centenario dun feito relevante para a cultura da nosa comarca, o falecemento de Eduardo Pondal, para o que contamos tamén co apoio da Fundación que leva o nome do poeta. Todos eles se presentan no FIOT, pero tamén acollemos a estrea absoluta dunha compañía catalá coa que temos unha longa relación, Titzina, ou a última proposta narrativa dunha popular e cercana actriz, Marta Lado. A nova proposta que se incorpora ao festival, m2, ven tamén a reforzar este compromiso coa creación. Ademais de estender o FIOT a outros espazos, con ela pretendemos visibilizar creadores emerxentes que buscan novos formatos e discursos. No noso corazón, este ano, hai 34 obras, 3 coproducións, 7 estreas absolutas e 7 estreas en Galicia.
Polos ventrículos e aurículas corre a Programa de Sala, o Otni, a Rúa dos Contos…; e o Fiotiño, a Escola do Espectador, o m2, o Xograr do Outono, o Café con…, o Zoom Fiot, irrigan as arterias para darlle alento. Pero nada funciona se non está o pulso do público. Contamos con vós para seguir latexando, e tamén para que o corazón que compartimos teña na súa mirada vida e emoción. Alma. Sinte o FIOT. O corazón do teatro!

All you need is Fiot!