Celebrar a XXV edición do FIOT é unha oportunidade para festexar a chegada a este fito do noso camiño, un logro importante para unha proposta cultural que naceu e medrou modestamente, pero con coherencia e persistencia, e coa ambición de ser sólida e potente.

Vinte e cinco anos abrindo o telón á ilusión, á reflexión, á sorpresa, á beleza, ao encontro, á provocación, á experiencia, á compañía, á emoción… O Outono de Teatro non é un conxunto de espectáculos programados en outubro, é unha idea compartida e viva que xa moitos, desde o público ata os artistas ou todo tipo de colaboradores, evocamos na nosa memoria como algo máis que teatro, unha illa propia que compartimos.

Non podemos deixar de mirar atrás para ser conscientes do traxecto percorrido polo festival e polo seu público, para mostrar o noso profundo agradecemento a todas as persoas e entidades que nos apoian, pero tamén, e sobre todo, este é o momento para mirar cara a adiante e debuxar o escenario do futuro, un escenario que segue sendo voso.

Este é o momento para mirar cara a adiante e debuxar o escenario do futuro, un escenario que segue sendo voso.

Durante estes vinte e catro anos, para crecer aprendemos a revisar cada día o proxecto e a reinventarnos, a propornos retos, a ilusionarnos e intentar contaxiar o entusiasmo a outros, para que poidamos crer nas posibilidades dun gran festival desde unha pequena cidade, crer nunha iniciativa que transcende xa o cultural e proxecta a Carballo cara ao exterior.

Vinte e cinco anos abrindo o telón á ilusión, á reflexión, á sorpresa, á beleza, ao encontro, á provocación, á experiencia, á compañía, á emoción…

A celebración do aniversario será o fío condutor do 25 FIOT, tanto desde a evocación do percorrido como tamén desde a conmemoración e a festa. Á nosa “festa” non pode faltar unha representación das compañías que marcan a traxectoria do festival; que vimos medrar con nós e conseguiron deixar fondas pegadas no público, que lles recoñeceu o seu traballo co galardón máis importante, o Premio do Público.

A celebración do aniversario será o fío condutor do 25 FIOT, tanto desde a evocación do percorrido como tamén desde a conmemoración e a festa.

Moitas merecen ser as convidadas, pero seleccionamos algunhas das que non podían faltar para que o público do FIOT sexa o primeiro homenaxeado. Lembraremos que coa nosa celebración coinciden algunhas tan relevantes para a cultura universal como o IV centenario do falecemento de Cervantes e Shakespeare, e eles teñen un lugar reservado nos nosos escenarios.

Crer nas posibilidades dun gran festival desde unha pequena cidade, crer nunha iniciativa que transcende xa o cultural e proxecta a Carballo cara ao exterior.

Xa que estamos de festa, a comedia é o terceiro dos convidados ao noso cumpreanos e está moi presente en case todas as ofertas que facemos, ou sexa, que preparádevos, sobre todo, para rir. Rir, pensar e emocionarse, por exemplo, cun espectáculo estreado hai 25 anos e que o mesmo actor segue a representar polo mundo; cun grupo galego que estivo na primeira edición do FIOT e que hoxe pode presumir de Premio Nacional de Teatro; cun espectáculo que resume 25 anos de traballo dunha produtora que os celebra con nós…, e tamén unha nova coprodución coa compañía dun benquerido amigo e Xograr do festival, Cándido Pazó, estreas en Galicia, estreas absolutas… 34 espectáculos e tamén moitas actividades En paralelo.

Grazas.
Pola vosa xenerosidade, confianza e compromiso.

A todos os que como público, colaboradores, voluntarios, patrocinadores…, vos fixestes imprescindibles no FIOT, porque este é un proxecto compartido, de todos nós.

E entre todos, sabemos que poderá continuar un camiño con novos desafíos e cara a adiante.

Pois sen máis, sopremos xuntos as velas e celebremos!

Preparádevos, sobre todo, para rir. Rir, pensar e emocionarse…

fiot-cartel2016