Os máis cativos entrevistarán nun taller do Fiotiño ao alcalde de Carballo e representantes do FIOT

Os máis cativos entrevistarán nun taller do Fiotiño ao alcalde de Carballo e representantes do FIOT

Será mañá sábado, entre as 10.30 e 13.00h, na última xornada do obradoiro “Locutores de radio”, que se celebra na Biblioteca Rego da Balsa.

Os entrevistados serán o rexidor de Carballo, Evencio Ferrero; o presidente da Asociación Telón e Aparte e director do FIOT, Alberto Sueiro, e a actriz Alba Bermúdez.

No “Café con…” desta tarde ás 19.00h participarán os protagonistas de “Othelo”, obra de Gabriel Chamé que, ás 21.00h, se representará por primeira vez en Galicia.

Mañá ás 21.00h, a recoñecida actriz Charo López pechará a programación de sala do FIOT coa súa interpretación na peza “Ojos de agua”.


 

Os máis cativos participarán mañá sábado 31, entre as 10.30 e 13.00h, na derradeira xornada do obradoiro “Locutores de radio”, na que entrevistarán ao alcalde de Carballo, Evencio Ferrero; ao presidente da Asociación Telón e Aparte e director do FIOT, Alberto Sueiro, e á actriz Alba Bermúdez, fundadora da compañía teatral Galeatro.

Este progama especial gravarase a partir das 12.00h na Biblioteca Rego da Balsa e contará coa colaboración especial de Radio Voz e a atención do persoal deste centro. O progama emitirase nos vindeiros días, nunha data que aínda está por concretar. Este espazo radiofónico estará protagonizado por nenos a partir de 10 anos, ademais dos propios entrevistados.

O taller, enmarcado no Fiotiño, trátase dunha experiencia única para fomentar a creatividade, a expresividade e o traballo en equipo a través dun divertido xogo de radio para dramatizar e crear historias. Con esta actividade, o público infantil tamén aprenderá a escribir un guión para a radio vinculado ao mundo do teatro. Debido á gran demanda, todas as prazas para este obradoiro xa están esgotadas.

Estrea en Galicia de “Othelo”, hoxe ás 21.00h

En paralelo ás actividades pensadas para os máis pequenos, o Festival Internacional Outono de Teatro de Carballo (FIOT) acollerá na súa recta final a estrea da obra “Othelo” de Gabriel Chamé e “Ojos de agua”, protagonizada pola actriz Charo López, pezas que constitúen dous dos pratos fortes desta 24 edición e nas que o humor e a música se imporán para ofrecer unha orixinal versión.

Hoxe venres ás 21.00h, o director e clown de importante traxectoria, Gabriel Chamé, porá o acento internacional coa súa obra “Othelo” (7€), unha nova forma de achegarse ao texto universal de Shakespeare. Este clásico estará reinterpretado por catro actores especialistas en clown e teatro físico que, con doses de humor, darán vida a todas as personaxes desta historia sobre celos, amor, lealdade, violencia, cobiza e vinganza. En definitiva,o tráxico convertirase en cómico.

Gabriel Chamé combina o texto co xogo corporal e coa gravación cinematográfica, revelándonos os enganos e medos das personaxes e converténdonos nos seus cómplices. O resultado: unha función na que non deixaremos de rirnos do drama máis auténtico que existe: a estupidez humana.

Charo López convértese na Celestina

A programación de sala para esta fin de semana tamén terá como protagonista a obra “Ojos de agua” (15€), na que a popular e recoñecida actriz Charo López dará vida á Celestina. Creada a partir de diversos fragmentos da peza de Fernando de Rojas, esta representación reescribe o pasado e o futuro do mito e os grandes temas da obra orixinal.

Este sábado 31 ás 21.00h, os espectadores poderán comprobar como a historia enlaza directamente co noso tempo, explorando unha personaxe tan fascinante como contraditoria, que nos confesará os seus segredos máis profundos.

Respecto ao argumento, trátase dunha representación feita desde o poético e a emoción, con música e humor, sobre o tempo gozado e perdido, o sexo como pracer e arma, a beleza como regalo e condena, a alegría de vivir a pesar de todo e a liberdade gañada a pulso. A obra convértese en bágoas de risa e emoción nos “ollos de agua” dunha brillante actriz símbolo de toda unha época.

A través da dramaturxia de Álvaro Tato e do seu director, Yayo Cáceres, a compañía Ron Lalá imprímelle a esta personaxe universal o selo que os converteu nun dos referentes da escea nacional e tamén nos gañadores do Premio do Público do FIOT 2013.

Entradas dispoñibles para as funcións de sala

Para asistir á estrea de “Othelo” de Gabriel Chamé os interesados poderán mercar as entradas a partir das 19.30h de hoxe na billeteira do Pazo da Cultura. No caso da obra “Ojos de agua”, que se representa mañá, quedan poucas entradas á venda, polo que se aconsella chamar ao teléfono 981 704 300 para consultar a dispoñibilidade de butacas.