Os colexios Artai e Fogar gañan o primeiro premio do XV Concurso de Teatro Lido “Xosé Manuel Eirís” do FIOT

Os colexios Artai e Fogar gañan o primeiro premio do XV Concurso de Teatro Lido “Xosé Manuel Eirís” do FIOT

Recibiron o primeiro galardón nas súas respectivas categorías coa interpretación das obras “A bolboreta e a tartaruga” e “O galo Quicorico”, respectivamente.

Os gañadores recibiron premios patrocinados pola Libraría Brañas, valorados en 850 euros, e Sogama repartiu material entre todos os participantes.

O acto foi presentado pola compañía galega O Circo Chosco, que amenizou a final cun espectáculo destinado ao público familiar e que rematou cunha chocolatada.

A emisora Radio Voz Bergantiños proseguirá entre hoxe e o venres coa emisión das obras finalistas neste certamen.


 

O grupo Troula do colexio Artai de Carballo e o Bicadela do CEIP Fogar recibiron o primeiro premio nas súas respectivas categorías do XV Concurso Escolar de Teatro Lido “Xosé Manuel Eirís” pola súa interpretación da obra “A bolboreta e a tartaruga” e “O galo Quicorico” na final deste certame enmarcado no programa do Festival Internacional Outono de Teatro (FIOT), organizado polo Concello de Carballo e a Asociación Cultural Telón e Aparte.

O xurado, composto por afeccionados e profesionais do teatro, representantes do ensino e da emisora local Radio Voz , repartiron os segundos e terceiros premios entre os grupos participantes dos centros de ensino Fogar, Canosa-Rus, IES Parga Pondal e IES Monte Neme.

Así, os grupos gañadores foron:

RESULTADOS 1ª CATEGORÍA (grupos de nenos e nenas de ata 10 anos):

1º) “A bolboreta e a tartaruga”, do grupo Troula do colexio Artai.
2º) “Que é amor”, do grupo Namorados do CEIP Fogar.
3º) “Na procura do sol”, do grupo Derrús do CEIP Canosa-Rus.

RESULTADOS 2ª CATEGORÍA (grupos de nenos e nenas de máis de 11 anos):

1º) “O Galo Quicorico”, do grupo Bicadela do CEIP Fogar.
2º) “Ramón”, do grupo Agarimo do IES Parga Pondal.
3º) “Pelexa no bosque do Añón”, do grupo Nós tamén imos do IES Monte Neme.

Estes colexios foron os vencedores nunha final cun gran nivel, á que chegaron tras ser seleccionados entre as gravacións de 23 grupos, en total 155 nenos e nenas, dos CEIPs dos concellos de Carballo, Coristanco e Laxe e de asociacións culturais de Carballo. Durante a final, os grupos seleccionados volveron interpretar os seus fragmentos teatrais.

Os premios

Os clasificados recibiron premios patrocinados pola Libraría Brañas, valorados en 850€ e canxeables por libros e material didáctico. Ademais contouse coa colaboración de Sogama, que repartiu material entre todos os participantes. Tanto Libraría Brañas como Sogama, xunto con RadioVoz Bergantiños, foron os patrocinadores deste certame.

O acto estivo presentado pola compañía galega O Circo Chosco que, ademais de ser os mestres de cerimonias, amenizaron a final cun espectáculo destinado ao público familiar. Posteriormente, tivo lugar unha chocolatada para todos os participantes, que recibiron un diploma e un obsequio ao finalizar o acto. Radio Voz Bergantiños proseguirá coa emisión das obras finalistas entre hoxe e o venres.