O VI Ciclo OTNI do FIOT convértese en referencia en Galicia ao acoller a estrea de tres obras

O VI Ciclo OTNI do FIOT convértese en referencia en Galicia ao acoller a estrea de tres obras

A sexta edición deste ciclo que agrupa a oferta menos convencional do FIOT de Carballo acollerá un tercio das dez estreas en Galicia do festival.

O luns 12 a apertura do OTNI corre a conta de Paula Quintana con “Latente” e a nova compañía galega, Cinema Sticado, presenta a súa primeira e innovadora obra.

Este venres comezan as funcións de sala e, en paralelo, celebrarase a segunda e última fin de semana da Rúa dos Contos cunha ampla oferta de espectáculos.

O sábado 10 os máis cativos participarán nun innovador obradoiro no marco do Fiotiño no que aprenderán a facer e contar contos, ademais do divertido “Taller de humor para torpes”.


 

A sexta edición do ciclo OTNI (Obxecto Teatral Non Identificado) regresa este ano ao Festival Internacional Outono de Teatro de Carballo (FIOT) convertido nunha referencia consolidada no panorama das artes escénicas non convencionais, o que se reflicte no feito de que acolla a estrea en Galicia de tres obras de Canarias, País Vasco e Cataluña, así como a primeira peza dunha nova compañía galega, Cinema Sticado.

Na programación do FIOT, o ciclo OTNI ten cada vez un maior protagonismo, sendo un oco na limitada programación neste tipo de representacións que existe na nosa comunidade e no que se combinan procesos de creación colectiva, o teatro-danza, a performance, o cinema ao vivo, as novas dramaturxias ou o microteatro.

Nesta nova edición, a oferta inclúe catro obras con referentes creativos, técnicos e estéticos moi dispares que amosan unha perspectiva ampla das técnicas escénicas máis actuais. A través destas ferramentas, conseguen diluír os límites entre a ficción e a realidade, rompendo coa idea de personaxe, interpelando ao espectador, buscando a conexión emocional e convidando ao público a reconstruír a obra.

Tres estreas en Galicia

A apertura deste ciclo corre a conta da canaria Paula Quintana, quen o luns 12 ás 21.00h estreará en Galicia a súa obra “Latente”, coa que está obtendo éxito e recoñecemento nos escenarios nacionais e internacionais. A través de teatro, danza contemporánea, flamenco, reflexión e humor, conta unha historia de soños que anhela achegar o ser humano ao ser humano. Con esa fusión de elementos sobre o escenario a intérprete canaria acada un orixinal e máxico universo artístico.

Humor a lategazos. Deste xeito tan gráfico se podería describir a proposta que fan os vascos de Pez Limbo coa súa representación “Mamá Gallina”, que ten programadas varias funcións no Pazo da Cultura o sábado 17 desde as 12.30 ata as 20.30h (12.30h / 13.00h /19.00h / 19.30h / 20.00h / 20.30h). De camiño entre a comedia e o drama social, trátase dunha peza con grandes doses de humor en pequeno formato (15 minutos de duración), que achega feitos insólitos a espazos cotiáns provocando situacións inverosímiles. A historia fala dun embarazo longo dunha nai novata, que saíu de contas en pleno mundial do 82 e que acode ao médico para una revisión rutinaria. A partir de aí, converterase en toda unha reflexión sobre algo máis profundo.

Desde Cataluña, a compañía Atresbandes, que a pesar da súa xuventude xa conta cunha relevante proxección internacional, estrea en Galicia “Locus Amoenus”. Gañadora do Premio á Mellor Dirección no Skena Up Festival de Kosovo e finalista do Premio BBVA de Teatro, esta obra é un traballo de creación colectiva que aborda un estado de tránsito das súas personaxes, as cales xa saben que van morrer como consecuencia do descarrilamento do tren no que viaxan. Durante a espera deste final tráxico, sucédese unha serie de conversacións e desexos, de intentos de entender e facerse entender, estando sempre presente a busca do Locus Amoenus, ese lugar idílico, de confort, que na actualidade é sinónimo de pracer, xuventude eterna e vacacións da realidade. Poderá verse o sábado 25 ás 21.00h.

Unha nova compañía galega

O ciclo OTNI tamén será testemuña o xoves 29 ás 21.00h da presentación da primeira obra da nova compañía galega Cinema Sticado, “Strpts//Episodio 1: Mirlo&Rula”. En realidade trátase do primeiro espectáculo da triloxía “Strpts”, converténdose nunha proposta multidisciplinar con cinema, perfomance, teatro de obxectos e poesía visual que hipnotiza ao espectador cun mundo en miniatura e unha experiencia asombrosa.

En canto ao argumento, conta a historia dun home sixiloso e unha muller soñadora que cruzarán os seus destinos nunha fuxida inesperada por culpa dun segredo a voces. De fondo, intriga e sangue conviven nun mundo en desequilibrio coa natureza, sen dereitos sociais e ateigado de corrupción política. Antes da representación, ás 19.00h, os compoñentes de Cinema Sticado manterán un encontro cos espectadores no marco da actividade “Café con…” e presentarán o seu cómic que leva o mesmo nome que a obra teatral.

Entradas entre 1€ e 3€

As entradas de todas as funcións do VI Ciclo OTNI, exceptuando a da representación de “Mamá Gallina”, teñen un prezo de 3€ e poden adquirirse con anterioridade a través do sistema de televenda de ataquilla.com (antes Servinova), no teléfono 902 504 500 (9.00 a 22.00h), ou o mesmo día do espectáculo na billeteira do Pazo da Cultura. No caso de “Mamá Gallina”, ao ser pases moito máis curtos, custan 1€, aínda que os socios da Asociación Cultural Telón e Aparte terán acceso gratuíto presentando o seu carné sempre e cando realicen a reserva antes do sábado 10 de outubro.

Programación de sala e segunda fin de semana da Rúa dos Contos

No marco da programación do FIOT, cómpre recordar que hoxe ás 21.00h comezan as funcións de sala da man da compañía andaluza Chirigóticas, que elixiu a capital de Bergantiños para estrear en Galicia (e case en España, xa que hai uns días representou a súa primeira función) a súa comedia musical “Juanita Calamidad (todo el mundo tiene un pasado)”, a obra coa que celebra o seu décimo aniversario sobre os escenarios.

En paralelo desenvolverase a Rúa dos Contos, o festival máis gamberro do FIOT, que celebra a súa segunda e última fin de semana cunha ampla oferta de espectáculos que amenizarán pola noite os locais de hostalaría e o Mercado Municipal de Carballo ata o vindeiro luns 12. A programación,que se pode consultar na web www.fiot.org, inclúe:

  • Venres 9
    23.00h. “Federico Pérez está no mundo porque ten que haber de todo” de Federico Pérez. Na cervexaría A Bombonera (4€).
    00.30h. “Encomendados a San Záfate” de Avelino González. Na cafetaría Valle Inclán (3€).
  • Sábado 10
    Sesión dobre. Ás 21.00h actúa Juáncallate de Pez en Raya con “Mr. Kebab” e ás22.15h Boneca Lareta con “Filosolfando”. No Mercado Municipal (entrada para as dúas obras por 5€)
    00.30h. “Concerto” de Os Revenidos. Na sala Dublín (3€).
  • Domingo 11
    22.30h. “Falar sen cancelas” de Os Sete Magníficos Máis Un (Fran Rei Pedro Brandariz e Isabel Risco). No pub Bulevar Music Café (entrada de balde).
    00.00h. “Historias do límbico” de Oswaldo Digón. No Pub O’ Patacón (entrada de balde).
  • Luns 12
    22.30h. “Almiñas” de Quico Cadaval. En A Barra Bar (4€).

Os tickets da Rúa dos Contos poden mercarse tanto os días de función como antes nos locais participantes, excepto para as sesións dobres da Rúa dos Contos, que se fará vía telemática e na billeteira do Mercado Municipal os días de función desde as 19.30h. Os socios de Telón e Aparte teñen o 50% de desconto presentando o seu carné.

Fiotiño e “Taller de humor para torpes”

En paralelo ao ciclo OTNI continuarán as actividades do Fiotiño, a parte do festival dedicada ao público infantil. O sábado 10 de outubro (11.00 a 13.00h) no Pazo da Cultura terá lugar un dos novos obradoiros desta edición e no que participarán 15 nenos a partir de 9 anos. Baixo o nome “Como facer un conto?” levarase a cabo esta experiencia para estimular a linguaxe oral, a imaxinación e a creatividade dos máis cativos, ademais de xogar coas propias emocións e as dos compañeiros para mellorar a empatía e a autoestima. As prazas para participar neste taller xa están esgotadas desde a apertura da inscrición.

Case ao mesmo tempo e no mesmo lugar (sábado 10 de 10.30 a 13.30h), baixo a dirección do mestre do humor absurdo Joan Estrader (e creador, xunto a Cristina Medina, da Compañía Pez en Raya) desenvolverase o “Taller de humor para torpes”. Pensado para alumnos con ou sen experiencia escénica, ten como obxectivos atopar o pracer na propia estupidez, gozar do fracaso e potenciar as cualidades cómicas de cada un, sen medo ao ridículo. Todo isto argallado a través do xogo, a improvisación e a complicidade co compañeiro. Os interesados en participar deberán inscribirse no Pazo da Cultura ata hoxe 9 de outubro ás 14.00h, xa que está limitado a 15 prazas e ten un custe de 20 euros.

Primeiro “Café con…” este domingo 11

Se o teatro é maxia pura débese, en gran medida, ao público. Por iso, sempre que as circunstancias das compañías e da montaxe dos espectáculos o permitan, todos os días de función de sala celebrarase no Pazo da Cultura ás 19.00h o espazo “Café con…”, que consiste en encontros entre espectadores e grupos teatrais para aproximalos ao proceso creativo, á linguaxe e aos códigos de interpretación dun espectáculo. Deste xeito, mentres se toma un café, o público poderá coñecer de primeira man o proxecto artístico da compañía e da obra, resolvendo dúbidas, curiosidades e intercambiando opinións. Este domingo 11 celebrarse o primeiro destes encontros coa Companhia do Chapitô, que actuará ás 21.00h no marco da programación de sala coa súa obra ´”Édipo”.