“O tolleito de Inishmaan”, o espectáculo máis galardoado dos XXI Premios María Casares 2017

“O tolleito de Inishmaan”, o espectáculo máis galardoado dos XXI Premios María Casares 2017

“O tolleito de Inishmaan”, coproducido polo FIOT e Contraproducións, é o espectáculo máis premiado dos XXI Premios de Teatro María Casares 2017 ao obter 5 galardóns: actor protagonista (Santi Romay), iluminación (Afonso Castro), actriz secundaria (María Roja), actor secundario (Evaristo Calvo) e mellor adaptación/tradución (Cándido Pazó, Santi Romay e Alberto Rodríguez).

Os XXI Premios de Teatro María Casares, celebrados no Teatro Rosalía Castro da Coruña, acolleron unha cerimonia de entrega na que un total de 13 espectáculos competían nas catorce categorías nas que se dividen os galardóns do teatro, organizados pola Asociación de Actores e Actrices de Galicia (AAAG).

Á gala, que se retransmitiu en streaming pola web da TVG e por diferido na TVG, acudiron máis de 500 convidados, entre autoridades, profesionais do sector, asociados, xornalistas e convidados en xeral. Todos eles asistiron a un evento ideado e conducido por Pepo Suevos, que este ano propuxo un espectáculo guiado polo humor e o desenfado ao redor das relacións entre a administración e a cultura, dous mundos condenados a entenderse.

O elenco estivo conformado por Roberto Leal, Alberto Rolán, Marta Lado, Patricia Torres, Silvana Sestelo e Josito Porto. Ademais, a música púxoa unha banda (conformada polos percusionistas Amaury Quintero e Marcos Jaramillo, o pianista Josep Ruiz; o baixista Juan Perez e o trompetista Daniel Polo) que achegou aos Premios o son cubano. Pola súa banda, Eduardo Alonso recibiu o Premio de Honra Marisa Soto e Imma António leu o Manifesto Galego do Día Mundial do Teatro.

Ao longo da gala déronse a coñecer os gañadores dos Premios María Casares deste 2017 cos seguintes resultados:

-‘O tolleito de Inishmaan’, do FIOT Carballo e Contraproducións (5): mellor iluminación (Afonso Castro), mellor adaptación/tradución (Cándido Pazó, Santi Romay, Alberto Rodríguez), mellor actriz secundaria (María Roja), mellor actor secundario (Evaristo Calvo), mellor actor protagonista (Santi Romay)

-Eroski Paraíso, de Chévere (4): mellor música orixinal (Terbutalina), mellor actriz protagonista (Patricia de Lorenzo), mellor dirección (Xron) e mellor espectáculo.

-Voaxa e Carmín, de ButacaZero e Eme2 (2): mellor maquillaxe (Trini F. Silva) e mellor vestiario (Mari Seoane)

-Danza da choiva, de Elefante Elegante (1): mellor espectáculo infantil

-Foucellas, de Talía Teatro (1): mellor escenografía (Dani Trillo)

-Raclette, de Ibuprofeno Teatro (1): mellor texto orixinal (Santiago Cortegoso)